O TSXG desestima a petición da suspensión da reorganización de centros nas Pontes de García Rodríguez
A Consellería de Cultura e Educación celebra que a situación se aclarase finalmente, aínda que lamenta a xudicialización dunha medida que non fai máis que beneficiar o alumnado
Mar, 05/09/2017 - 14:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de ser notificada da desestimación, acordada por dous autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, relativa á petición formulada polo Concello das Pontes de García Rodríguez e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CPI Monte Caxado, que solicitaban a suspensión da entrada en vigor do decreto 60/2017, de 22 de xuño, de reorganización de centros docentes.

Cómpre recordar que tanto o Concello como a ANPA solicitaron a medida cautelar de suspensión da entrada en vigor do decreto, no que afectaba en exclusiva aos centros das Pontes, alegando en que se vulneraba o dereito das familias a elixir centro docente. Os recorrentes tamén reclamaban recibir atención á diversidade para alumnos con necesidades educativas especiais, e consideraban que existía ausencia de xustificación do decreto e que a execución da resolución ocasionaría prexuízos irreparables ou de difícil reparación para o alumnado.

Os dous autos son coincidentes en canto aos seus fundamentos, e así a sala “non pode compartir que a atención pedagóxica que se dispensa aos alumnos do CPI Monte Caxado non poida ser alcanzada nos centros aos que se adscriben os alumnos”. En relación con isto o TSXG manifesta “que os obxectivos do ensino nos niveis educativos de infantil, primaria e secundaria son idénticos, están sometidos á mesma normativa e, por elo, a oferta e atención dispensada aos alumnos é homologable”.

Segundo a sala, e á vista na documentación aportada pola Consellería, “os ratios de alumnos por profesor poderían resultar inferiores incluso aos que tiñan no Monte Caxado, xa que a integración levará aparellada o desdobramento de unidades, polo que por este motivo non resulta previsible que haxa de producirse o prexuízo alegado”.

A sala é concluínte ao manifestar “non podemos compartir que a integración que se recorre haxa de producir un prexuízo na formación dos menores”. Respecto do alegado polos recorrentes no referido á falta de atención aos alumnos con necesidades específicas de apoio educativo a sala establece “os recorrentes volven incidir nun plantexamento que nos resistimos a compartir, cal é que a atención psicopedagóxica coa que estes alumnos contan no CPI non lles será dispensada nos centros de adscrición, cando os datos ofrecidos pola Administración desmenten semellante aserto”. Así, co a integración no CEIP A Magdalena contarase con 2 ou 3 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, outro de Audición e Linguaxe e un orientador, polo que “[…] a atención lonxe de empeorar haberá de mellorar”, continúa a sala manifestando que segundo resulta do informe da Inspección a Administración educativa non resultou insensible ás situacións existentes no CPI.

Incidindo na atención educativa que recibirán os estudantes, o tribunal manifesta “integrándose a maioría dos profesores nos centros de adscrición, estando os mesmos formados nas técnicas de ensino baseado en proxectos, acreditados os bos resultados obtido, esta sala parte do plantexamento contrario ao realizado polos recorrentes […] non resulta acreditado que nos centros de adscrición non se aplique a mesma metodoloxía de traballo […] lonxe de supoñer a integración un prexuízo para os alumnos, que se forman a través de proxectos, implicaría unha oportunidade para incrementar o número dos seus destinatarios, aínda que iso esixa un esforzo suplementario inicial de todos os que han de implicarse no seu desenvolvemento”. No referido ao alegado por Concello e ANPA sobre o desmantelamento de servizos e programas, a sala conclúe que non semella que se poida ocasionar un prexuízo irreparable neste aspecto.

Por último, respecto do alegado pola ANPA relativo ao prexuízo de non poder elixir centro, o Tribunal conclúe “non existe o dereito á escolarización no centro de preferencia, xa que a mesma vén condicionada por múltiples factores, e que a Administración cumpre co ofrecemento dunha praza que cumpra os requisitos da educación regrada”. neste sentido a sala acredita que a Xunta permitiu que se formalizasen matrículas en outros centros de ensino con posterioridade ao remate do prazo, condicionada á existencia de vacantes.

Con esta decisión, a situación queda totalmente aclarada antes do inicio do curso, aínda que lamenta a xudicialización deste asunto. Logo do pronunciamento xudicial, a Consellería segue coa folla de ruta establecida no seu día. Cómpre subliñar que a reorganización escolar levada a cabo nas Pontes foi deseñada exclusivamente con criterios de mellora da calidade e da atención educativa aos rapaces e rapazas deste Concello.