Román Rodríguez anuncia a licitación das obras para a sala de usos múltiples do IES de Ames
O conselleiro de Cultura e Educación lembrou que a Xunta leva investido preto de 10 millóns de euros en infraestruturas educativas neste concello desde o ano 2009
Xov, 31/08/2017 - 12:32

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Plurilingüe de Ames, onde anunciou que o seu departamento acaba de licitar as obras para o peche da pista deportiva, co fin de converter este espazo nunha sala de usos múltiples. Segundo explicou, trátase dunha intervención cun orzamento inicial de 522.012,08 euros, que servirá para dotar a este centro da devandita instalación, cunha superficie de 360 metros cadrados. Ademais construiranse dous aseos adaptados e un almacén. A actuación, que estará rematada para o inicio do curso 2018/19, ten un prazo de execución de 5 meses e realizarase compatibilizando as obras coa vida escolar baixo as máximas garantías de seguridade para a comunidade educativa.

Román Rodríguez recordou que esta actuación se suma ás obras executadas o ano pasado para a ampliación deste IES con tres novas aulas, ademais da cubrición do patio, unha intervención que contou cun orzamento de 233.243,71 euros.

Ampliación do Agro do Muíño

O conselleiro visitou tamén esta mañá o CEIP Agro do Muíño, onde o pasado ano se desenvolveron obras de ampliación por importe de 342.997,28 euros. En concreto os traballos consistiron na habilitación de tres aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos.

O novo volume conta cunha superficie útil total de 243,75 metros cadrados, reproducindo as pautas arquitectónicas do edificio preexistente. Ademais pavimentouse a zona entre o edificio existente e a ampliación, para patio dos alumnos e renovouse o caucho e o equipamento da zona de xogos de infantil. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no Concello de Ames.

Dez millóns de investimento

Neste sentido Román Rodríguez salientou que o departamento que dirixe ten investido case 2 millóns de euros desde 2009 en diferentes obras de mellora e ampliación dos centros educativos de Ames, un dos concellos con máis demanda crecente de prazas de escolarización de toda Galicia.

A estas actuacións cómpre sumar a construción do novo IES de Milladoiro, co que o investimento da Xunta de Galicia en infraestruturas educativas neste concello nos últimos anos se elevou a preto de dez millóns de euros.