Redecinema despide agosto con proxeccións en Noia, Boiro, Foz e Mondoñedo
O programa de cinema de verán percorre ata setembro 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística
‘9Ondas’, ‘Maimiño e o espello máxico’ e ‘A praia dos afogados’ son os títulos en carteleira, con entrada libre e de balde
Lun, 28/08/2017 - 15:00

A segunda edición do programa de dinamización lingüística Redecinema, que promove a Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Agadic, despide o mes de agosto con cadansúa proxección nos concellos de Noia, Boiro, Foz e Mondoñedo. As citas serán, respectivamente, desde hoxe ata o xoves, nas prazas do Tapal, de Galicia, do Conde de Fontao e do Concello con entrada libre e de balde ata completar a capacidade destes espazos.

9Ondas, Maimiño e o espello máxico e A praia dos afogados son os títulos en carteleira desta proposta que ten como finalidades promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.

Derradeiras paradas: Vedra e O Pereiro de Aguiar

Hoxe, 9Ondas chega á Noia e poderá gozarse na Praza do Tapal ás 22:00 horas (en caso de choiva, no Coliseum Noela). Mañá será a quenda do filme A praia dos afogados en Boiro, cun pase na Praza de Galicia (ou na Casa da Cultura, en caso de choiva). O mércores, Maimiño e o espello máxico chega á Praza do Conde de Fontao de Foz (tamén na Casa da Cultura no caso de choiva) e o venres o programa despedirá a semana cunha nova proxección de A praia dos afogados en Mondoñedo (na Casa da Xuventude, en caso de choiva). Todos os pases darán comezo ás 22:00 horas.

En setembro o programa levará as derradeiras proxeccións desta edición o mércores 6 ao concello coruñés de Vedra (Maimiño e o espello máxico, ás 22:00 horas, no campo da festa ou no Centro Sociocultural en caso de choiva) e o venres 22 ao ourensán do Pereiro de Aguiar (A praia dos afogados, ás 21:30 horas, na Praza do Concello ou, se chove, na aula multiúsos do Centro de Día).

Proxeccións en 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia que chegará aos concellos de Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra, na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada, en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar, en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo e Soutomaior, en Pontevedra. O calendario de proxeccións está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e mais na Axenda de Cultura de Galicia.

Rede de Dinamización Lingüística

Os destinatarios do programa Redecinema son os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.