A Consellería de Educación expediu 13.114 titulos de nivel B2 obtidos nas Escolas Oficiais de Idiomas
A lingua con máis titulados é o inglés, seguido do galego, o francés e o portugués
Dom, 27/08/2017 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria expediu nos últimos 9 anos académicos – e a falta dos exames de setembro do curso 2016/17 – un total de 13.114 títulos acreditativos do nivel B2 no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) nalgunha das linguas que se ensinan na rede de Escolas Oficiais de Idiomas e as súas seccións de Galicia. Cómpre sinalar que o Marco Común é unha base común para a elaboración de programacións e avaliacións para o ensino das linguas, no que se describen as destrezas que cada estudante debe reunir para comunicarse nelas, así como os coñecementos que debe ter para facer un uso eficaz da lingua. Ademais, establece niveis de dominio, dos que o B2 é o dun usuario independente cun nivel intermedio alto.

En número de titulados que obtiveron o nivel B2, a lingua máis numerosa é o inglés, cun total de 7065 persoas acreditadas, seguido da lingua galega, con 2833 e do francés, con 1366. A continuación, o portugués, con 661 titulados; o alemán, con 485; o italiano, con 476; o castelán, con 176; o ruso, con 31; e o árabe, con 21.

No referido á evolución de cada unha das linguas, a que máis incrementou porcentualmente o número de titulados foi o portugués, multiplicándoo por 2,3: dos 56 do curso 2008/09 aos 129 do 2015/16. Síguelle o galego, do que un total de 182 persoas obtiveron no 2008/09 a acreditación do B2, unha cifra que se duplicou, con 393 titulados, no curso 2015/16. Así mesmo, o número de acreditados en inglés incrementouse nun 71%, dos 577 aos 987; e os títulos de lingua italiana medraron nun 36%. No resto das linguas o número de certificados mantense en cifras estables, agás no alemán, onde o número de titulados no período se reduciu dos 65 do ano 2008/09 aos 42 do 2015/16.

En canto ao número total de titulados por curso, incrementouse nun 60%: dos 1121 do 2008/09 aos 1789 do 2015/16, ano académico no que máis certificados de B2 se expediron de toda a serie. Estas cifras coinciden co desenvolvemento da estratexia do Goberno galego en prol da aprendizaxe de linguas por parte da cidadanía, tanto a través do ensino nos centros de ensino ordinarios – por medio dos centros plurilingües, seccións bilingües e auxiliares de conversa nativos – como do reforzo das propias Escolas Oficiais de Idiomas. Así mesmo, e no marco da Lei Valentín Paz-Andrade, a Consellería está a fortalecer o ensino da lingua portuguesa para reforzar os vínculos coa Lusofonía e as sinerxías que isto lle permite a Galicia.

Doce novas seccións

Entre as novidades máis salientables dos últimos anos, ademais da introdución da matrícula en liña, desde 2010 abríronse un total de 12 novas seccións de Escolas Oficiais de Idiomas. Así, na provincia da Coruña abriron as súas portas a de Arteixo (no IES Manuel Murguía), a de Melide (por primeira vez este curso que vén, no IES da localidade), a das Pontes de García Rodríguez (no IES Castro da Uz), e a de Negreira (no IES Xulián Magariños). Na provincia de Lugo abríronse seccións nos últimos anos en Sarria (no IES Gregorio Fernández) e en Burela (IES Monte Castelo) e este próximo curso farao a de Chantada (no IES Lama das Quendas).

Pola súa banda, a provincia de Ourense estreou desde 2009 as seccións de Celanova (no IES de Celanova), a de Ribadavia (no edificio Abrente do IES de Ribadavia) e a da propia cidade das Burgas, sita no IES Eduardo Blanco Amor. Finalmente, na provincia de Pontevedra abríronse as seccións de Nigrán (no IES Escolas Proval) e de Redondela (no IES Pedro Floriani).

Ao abeiro desta estratexia, ademais, incrementouse a oferta de ensinanzas regradas en máis de 400 grupos – de 25 alumnos cada un– nas 11 Escolas Oficiais de Idiomas e as 30 seccións que conforman a rede na actualidade.

EDUlingüe

Cómpre destacar, ademais, que a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020, EDUlingüe, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación de Universitaria busca dar un novo impulso, no cuantitativo e no cualitativo, ao modelo plurilingüe busca reforzar tamén o papel que xogan as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), tanto na formación en linguas do alumnado como do profesorado. Co fin de potenciar o seu traballo, ampliarase a rede de seccións e a oferta formativa nos niveis C, especialmente en inglés, francés e portugués. Cómpre lembrar que, ademais, o alumnado poderá recibir bonificacións nas taxas de matrícula ao superar cada ciclo.