Educación aproba os concertos educativos para o período 2017/18-2022/23
O número de unidades concertadas para o vindeiro curso 2017/18 axústase ás necesidades educativas
Lun, 21/08/2017 - 10:06

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional, de xeito que no vindeiro curso 2017/18 haberá un total de 3.913 unidades concertadas, 21 máis ca no curso anterior, que dan servizo educativo a arredor de 86.000 estudantes. A orde pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170821/AnuncioG0164-100817-0002_gl.html .

Os concertos que se aproban teñen unha vixencia máxima de 6 anos (ata o curso 2022/23), sen prexuízo das modificacións que se poidan producir durante ese período, conforme á normativa de aplicación, axustando as unidades concertadas en función das necesidades de cada curso. Neste senso cómpre sinalar que os cambios e adaptacións que se teñen producido nos últimos anos os foron consecuencia, fundamentalmente, da implantación de ciclos formativos de formación profesional cunha duración de 2000 horas lectivas distribuídas en 2 anos académicos (o que implicou o necesario incremento de 1 curso nos ciclos afectados) e da implantación dos novos ciclos da FP Básica, dos cambios a nivel estatal dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento do centros concertados e doutras medidas de recuperación salarial (en concordancia ás aprobadas para o persoal do sector público).

En calquera caso, cómpre sinalar que a dinámica de incremento de unidades concertadas diminuíu de forma considerable nos últimos anos. De feito, en oito anos o actual Goberno da Xunta ten incrementando en 77 o número de unidades concertadas en nove anos; mentres que o Bipartito en catro anos incrementounas en 213.

O ensino concertado dá resposta a arredor do 25% da necesidade de prazas de escolarización en Galicia. O orzamento destinado a el é arredor do 11%  do da Consellería. Cabe sinalar, ademais, que do total do orzamento destinado aos concertos, case o 90% está destinado a abonar as retribucións do persoal docente en réxime de pago delegado e do persoal complementario nas unidades de educación especial.