Política Lingüística resolve as axudas ás entidades locais con 116 concellos beneficiarios
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega
Estas axudas apoian a creación de 5 servizos lingüísticos para 11 concellos, o mantemento de 44 xa existentes que lle dan cobertura a outros 56 e a programación de actividades propias de dinamización lingüística noutros 49
Mar, 01/08/2017 - 15:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolve hoxe, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 11 de xullo de 2017 pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 6 de abril de 2017, as axudas ás entidades locais para o ano en curso cun total de 116 concellos beneficiarios. A información pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170801/AnuncioG0164-180717-0002_gl.html

A Consellería de Cultura e Educación apoia así economicamente a todos as entidades locais destinatarias que solicitaron -individualmente ou agrupados con outros para alcanzar os 3000 habitantes que esixe a convocatoria- subvención para a prestación de servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades posibles: creación dun servizo lingüístico, mantemento dun servizo existente ou implementación de programas de dinamización lingüística.

As contías asignadas pódense consultar tamén no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal. As entidades beneficiarias poderán imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ao 15 de outubro de 2017.

Mantemento ou creación de novos servizos e dinamización lingüística

En virtude desta convocatoria, apóiase a continuidade da actividade de 44 servizos lingüísticos xa existentes, dos cales unha ducia lle prestan servizo a máis dun concello baixo a fórmula de agrupamento, cunha cobertura  total de 56 municipios das catro provincias; ademais, créanse 5 novos servizos que lles dan cobertura a 11 outros concellos. Son os de Cambre, Cedeira, A Laracha, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, San Xoán de Río, A Teixeira, A Pobra do Brollón e O Incio.

Para alén disto, as subvencións apoian o financiamento de diferentes programas de dinamización, tanto nos concellos que contan con servizo lingüístico coma noutros 49 que, malia non dispoñer del, recibirán axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego, nomeadamente aquelas que redunden no aumento da presenza do galego no tecido económico empresarial, no deporte, na mocidade, nas TIC e nos servizos sociais.