Educación e COGAMI renovan o proxecto para mellorar o acceso á cultura das persoas con discapacidade
O conselleiro Román Rodríguez e o presidente da entidade, Anxo Queiruga, asinaron o convenio para a segunda edición de “En-Red-Arte”
Uns 200 usuarios terán acceso a obradoiros de artes plásticas, de fotografía artística, de escritura creativa, de teatro, de música tradicional e popular, e de danza contemporánea
Con esta iniciativa búscase romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal
Lun, 24/07/2017 - 11:24

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) porán en marcha a segunda edición de ‘En-Red-Arte”, unha iniciativa que naceu no 2015 e que ten como principal finalidade mellorar o acceso á cultura por parte das persoas con discapacidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron esta mañá a renovación deste acordo de colaboración a través do cal o departamento educativo do Goberno galego achega unha contía de 20.000 euros. Na firma tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O proxecto ‘En-Red-Arte’ está deseñado co fin de proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe, e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar entre este colectivo o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos levaranse a cabo distintos obradoiros de artes plásticas, de fotografía artística, de escritura creativa, de teatro, de música tradicional e popular, e de danza contemporánea. Todos eles están pensados para que os participantes –un total de 200 beneficiarios previstos– acaden unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico en cada unha das materias que se tratan, tendo en conta os gustos persoais de cada quen.

As actividades terán lugar nos centros de recursos de persoas con discapacidade e asociacións de membros da entidade, así como tamén nos espazos formativos que COGAMI emprega habitualmente.

Integración social a través da cultura

Para o desenvolvemento cultural comunitario e persoal da cidadanía galega, as políticas de integración, tanto nos públicos como na propia creación artística, son fundamentais para conseguir unha transformación progresiva a favor da heteroxeneidade e do enriquecemento do conxunto.

Con este fin, a Consellería -a través da Secretaría Xeral de Cultura– vén colaborando con diversas iniciativas, como o Festival Artístico Igual Arte da Fundación Igual Arte, que ofrece unha mostra da creatividade de compañías de arte integradas por persoas con discapacidade; ou o Encontro Artes pola Integración, que pon nas mans de grupos dalgunha forma excluídos da participación social unha serie de oportunidades, plataformas, iniciativas e ferramentas para facilitar a súa comunicación co resto da comunidade, ao tempo que dá a coñecer a capacidade expresiva deses grupos socialmente excluídos por razóns legais, sociais ou médicas.

Precisamente con motivo da primeira edición de “En-Red-Arte”, o pasado mes de setembro a Cidade da Cultura de Galicia acolleu unha mostra cunha escolma dos traballos realizados ao abeiro deste proxecto por persoas con discapacidade en centros e asociacións de diferentes zonas de Galicia.