A Xunta e o Concello de Ourense amplían a oferta de formación profesional básica
O alcalde de Ourense e mailo conselleiro de Educación asinan un acordo para implantar o Ciclo de Agroxardinaría no IES Universidade Laboral o vindeiro curso
Sáb, 22/07/2017 - 11:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o alcalde do Concello de Ourense, Xesús Vázquez Abad, veñen de asinar un convenio polo que se establece a colaboración entre a Xunta de Galicia e o municipio ourensán para a implantación de ensinanzas de formación profesional básica da familia profesional Agraria.

Polo mesmo, a Consellería de Educación autorizará a posta en funcionamento do ciclo formativo grao básico Agroxardinaría e composicións florais no IES Universidade Laboral para o curso 2017-2018. O devandito ciclo impartirase tanto no referido centro educativo, como nas instalacións que facilita o municipio. Isto é, no Parque Botánico de Montealegre e no Viveiro Municipal de Santa Mariña.

Oferta formativa do Laboral

Nesta liña, o Concello pon a disposición as instalacións e o equipamento necesario, e seguirá a facerse cargo do seu mantemento e dos gastos xerais de funcionamento. E, por outro, a Educación aportará o persoal docente necesario e asumirá os gastos de material funxible e de produtos consumibles necesarios para o desenvolvemento do devandito ciclo.

En calquera caso, estas ensinanzas de formación profesional básica formarán parte da oferta formativa do IES Universidade Laboral de Ourense, para todos os efectos académicos e administrativos. O convenio ten vixencia durante os cursos académicos 2017/2018 e 2018/2019.