Román Rodríguez visita o CEIP Castelao (Ordes), no que a Consellería vén de investir 400.000 €
Educación acaba de acometer unha reforma integral enerxética e funcional do edificio, que contemplou o illamento da cuberta e da fachada, entre outros
Lun, 17/07/2017 - 11:07

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Alfonso R. Castelao, de Ordes, onde o seu departamento vén de realizar un investimento de preto de 400.000 euros cofinanciado con Fondos Europeos FEDER, co obxecto de mellora a súa eficiencia enerxética e funcional.

As actuacións levadas a cabo centráronse principalmente na cuberta e na fachada, onde se acometeu unha mellora do illamento térmico; nas carpinterías exteriores, coa substitución das fiestras por novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica e novas persianas; a renovación das luminarias coa instalación de pantallas LED de menor consumo que as existentes, con equipos multisensor que regulan de forma gradual o fluxo en función da luz natural; e a pintura interior.

Para levar a cabo este tipo de intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería realizou estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se puideran determinar as accións concretas para acadar este obxectivo.

Este foi o caso do CEIP Castelao de Ordes, cunhas instalacións que datan de finais da década dos 70, na que atendendo a criterios técnicos se planificaron as obras de mellora co fin de acadar un aforro enerxético do entorno do 34%.

Cómpre lembrar que se trata tamén dunha das máis de 700 intervencións programadas pola Consellería nos centros escolares de toda Galicia ao abeiro de tres eixos de actuación que son o Plan de Infraestruturas 2016/20, o Fondo de Superávit de Responsabilidade e as actuacións de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM), cun investimento que acada os 40 millóns de euros.