A Xunta e Leroy Merlín porán en marcha unha FP Dual no IES A Pontepedriña
O instituto santiagués impartirá nesta modalidade o ciclo de grao superior de Xestión de vendas e Espazos comerciais
Xov, 13/07/2017 - 17:11

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; Ibán Rama e Julio Rodríguez, en representación de Leroy Merlín, mantiveron hoxe unha reunión de traballo para abordar a posta en marcha, o vindeiro curso e no IES A Pontepedriña de Santiago, do ciclo de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais na modalidade de FP dual.  A formación comezará o 15 de setembro deste ano e prolongarase ata o 15 de setembro de 2019, e o alumnado aínda pode matricularse nas 15 prazas que se ofertan.

En total serán 2000 horas, das que o 53% se desenvolverán no centro educativo e o 47% restante nas instalacións da empresa. Cómpre salientar que desta formación no centro do traballo, o 5% será complementaria á recibida no instituto e o resto consistirá en actividade profesionalizadora que permitirá ao alumnado familiarizarse coa realidade do mundo do traballo. Leroy Merlín comprométese a financiar o proxecto de formación regulado neste convenio, mediante o establecemento dun sistema de bolsas dirixido ao alumnado participante.

A especificidade da FP Dual galega baséase na combinación das clases no centro educativo con actividade nas empresas que axude ao alumnado a familiarizarse coa realidade do mundo laboral e das necesidades dos diferentes tecidos produtivos, ao tempo que a compañía pode optar por impartir formación complementaria especializada sobre o seu propio sector. Cómpre salientar, ademais, que a FP Dual que se imparte en Galicia non está subvencionada pola Administración educativa, de tal forma que implica un compromiso real do tecido empresarial coa educación e, máis concretamente, coa formación profesional.

Román Rodríguez agradeceu a Leroy Merlín a súa implicación no futuro da Formación Profesional. Neste sentido, indicou que é necesario continuar avanzando da man das empresas e outras entidades para facer medrar a formación profesional dual, modalidade na que xa este curso que vén arrincarán 29 proxectos, incluído este.