Educación acomete a reorganización de centros baixo criterios de responsabilidade e mellora da calidade educativa
Román Rodríguez defendeu ante o Pleno do Parlamento que os colexios de As Pontes, Ribadavia e O Porriño seguen abertos con alumnos de infantil e primaria mentres que os de secundaria se trasladan a un IES próximo; e o único edificio educativo que se pecha é o Emilio Navasqués en Outes ao fusionarse co CEIP de Outes
A reestruturación atinxe exclusivamente a catro dos 1.100 centros que integran a rede pública
Todas as aulas resultantes manteñen o rateo alumnos/profesor por debaixo do máximo permitido
Os alumnos disporán de máis oportunidades educativas ao poder optar a máis itinerarios, máis materias optativas e de libre configuración e máis programas específicos de aprendizaxe que, en moitos casos, non se ofertaban nos centros por non acadar o número mínimo de matrículas
O conselleiro lamentou o afán dos grupos da oposición por xerar falsas alarmas entre as familias sobre unha decisión técnica amparada por criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable de recursos públicos
“Sería irresponsable non tomar decisións educativas e de planificación en interese do conxunto da comunidade”, subliñou
Lembrou que en 2008 o Bipartito pechou o segundo ciclo de ESO en doce CEIPs, que implicou o traslado dos alumnos a varios quilómetros de distancia e incluso a outros concellos
Mar, 11/07/2017 - 19:33

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, defendeu hoxe que o seu departamento actuou con total responsabilidade -tanto política como organizativa- á hora de deseñar para o vindeiro curso 2017/18 a reorganización escolar en catro dos 1.100 centros da rede pública, e sempre baixo a premisa de mellorar a calidade educativa nas zonas onde se leva a cabo.

Román Rodríguez explicou ante o pleno do Parlamento que dita reorganización foi deseñada tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable de recursos. “Non tomar decisións educativas e de planificación en interese do conxunto da comunidade sería irresponsable”, reiterou.

O conselleiro foi debullando a casuística de cada un dos centros obxecto de reestruturación (os CPIs Monte Caxado nas Pontes, o Tomás de Lemos en Ribadavia, o Ribeira no Porriño; e o CEIP Emilio Navasqués, en Outes), cun denominador común en todos eles: as aulas resultantes das transformacións non superan en ningún caso os rateos máximos permitidos (incluso haberá aula están moi por debaixo dese rateo). Ademais, no caso dos CPI a reorganización fíxose exclusivamente naqueles lugares onde de cumprían con dúas condicións: que existe un IES moi preto do CPI obxecto de reestruturación, e que ese IES ten capacidade e dispoñibilidade para acomodar aos alumnos procedentes do Centro Público Integrado.

Polo tanto, nos tres primeiros casos (As Pontes, Ribadavia e O Porriño) os edificios educativos seguen funcionando con alumnos de infantil e primaria, mentres que os de secundaria pasan a escolarizarse nun IES próximo, nalgúns casos mesmo a carón do colexio de procedencia. O único caso onde hai un edificio que deixa de funcionar para usos educativos é o CEIP Emilio Navasqués de Outes, xa que os seus alumnos pasan a escolarizarse no CEIP de Outes, que está a 3,5 quilómetros de distancia. É dicir, que había dous colexios de liña 1 e pasa a haber un colexio de liña 2, con servizo de transporte gratuíto.

En alusión aos grupos da oposición na Cámara galega, Román Rodríguez lamentou a confusión e o alarmismo xerado ao acusar a Educación de pechar catro centros, cando o que se fai é unha transformación de natureza xurídica, ben transformando os Centros Públicos Integrados en CEIPs (casos de Ribadavia e O Porriño), integrando un CPI nun CEIP con máis capacidade (As Pontes), ou fusionado dous CEIPs.

Máis itinerarios e opcións

Trátase, segundo subliñou o conselleiro, dunha decisión “técnica, responsable e sensata”, tendo en conta as peculiaridades xeográficas e demográficas existentes e o uso eficaz e eficiente dos recursos públicos dispoñibles. E, sobre todo, implica unha mellora na calidade educativa na medida en que os alumnos van ter acceso a máis e mellores oportunidades dentro do nivel educativo que lle corresponde. Isto ocorre, sobre todo, no caso dos alumnos de ESO que pasan a un instituto, onde na maioría dos casos van ter opción ao dobre itinerario (académico e aplicado), cando ata o de agora, nalgúns casos, só tiñan un. Ademais, o centro receptor pode optar en mellores condicións a proxectos, materias de libre configuración e contratos-programa entre outros.

Liñas de diálogo e información

O conselleiro entende que este tipo de cambios sempre xeren “nerviosismo e incertezas” entre as familias e entre a comunidade educativa en xeral, pero -subliñou- “as familias teñen que saber que adoptamos unha decisión que pretende dar máis oportunidades educativas para os seus fillos”. Nesta liña, desde o primeiro momento a Consellería de Educación mantivo e mantén abertas todas as liñas de diálogo coas respectivas comunidades educativas para explicar os pormenores desta reorganización en cada zona, co fin de aclarar todas as dúbidas xurdidas (horarios, transporte, comedor, programas de innovación, banco de libros,…) e garantir que o cambio xerará a menor distorsión posible ás familias.

Finalmente, Román Rodríguez lamentou o oportunismo político e partidista e o afán por xerar falsas alarmas respecto dunha decisión administrativa derivada dun exercicio de responsabilidade e mellora do sistema que, por outra parte, xa se ten tomado por gobernos anteriores. Neste senso, lembrou que en 2008 o Bipartito pechou o primeiro ciclo de ESO en 12 CEIPs, o que implicou o traslado dos alumnos a varios quilómetros de distancia e incluso a outros concellos. Isto evidencia, por tanto, un afán por tentar transformar unha acción de reorganización educativa nun problema político.

“Unha Administración responsable -concluíu o conselleiro- ten que garantir os servizos básicos alí onde hai persoas”, o que implica axustar a oferta dos servizos ás demandas reais dos cidadáns.