Valentín García inaugura os cursos de verán de galego para estranxeiros na Coruña e en Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura das sesións nas que a Xunta de Galicia colabora coa UDC e coa Real Academia Galega, que reciben este ano máis dun cento de alumnos de vinte e dúas nacionalidades diferentes

Lun, 03/07/2017 - 13:33
Valentín García inaugura os cursos de verán de galego para estranxeiros na Coruña e en Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe nas inauguracións dos cursos de verán de galego para persoas estranxeiras que promoven, co apoio da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña (UDC) e mais a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), respectivamente. Recibirán este mes, en total, máis dun cento de alumnos de vinte e dúas nacionalidades diferentes que se repartirán entre as cidades da Coruña e de Santiago e que asistirán ás aulas desde hoxe ata o 24 de xullo.

O titular de Política Lingüística recordou nos dous actos de benvida que “na actualidade o galego é obxecto de estudo en 15 países en virtude dos acordos que a Xunta ten establecidos con 35 universidades de España e do exterior, integradas na súa Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos, e que 27 deles contan con lectores de lingua, literatura e cultura galegas con máis de 1000 alumnos e alumnas dos cales hoxe moitos chegades aquí, por primeira vez a Galicia, nuns casos, perfeccionar os coñecementos previos do galego e, noutros, achegarvos de primeira man a el”.

Na UDC, unha vintena  de alumnos de seis países

O titular de Política Lingüística estivo acompañado na inauguración herculina do reitor da UDC, Julio Abalde, e mais da coordinadora do seu Servizo de Normalización Lingüística, Marisol Ríos. Alí, García saúdou a edición IX da acción formativa como unha boa nova para a proxección exterior do idioma e deulles a benvida aos máis de 20 alumnos e alumnas chegados de Polonia, Portugal, Arxentina, Croacia, República Dominicana, así como de diferentes puntos de España.

As actividades inclúen, para alén das aulas de lingua e cultura dos niveis elemental e medio, un completo programa de actividades formativas, con percorridos pola Coruña e visitas á capital galega, obradoiros de gastronomía, música e danza tradicionais,  fotografía e literatura, desde hoxe ata o 24 de xullo.

Máis de 80 estudantes de 20 países, na USC

No caso dos Cursos Galego sen Fronteiras da RAG e do Instituto da Lingua Galega (ILG) da UDC, nos que tamén colabora ademais da Xunta de Galicia a Deputación da Coruña, participaron no acto, canda ao secretario xeral, a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e mais os directores do ILG e dos cursos, Ernesto González e Henrique Monteagudo, respectivamente.

Charlas-concerto e charlas-recitais, espectáculos teatrais, percorridos pola cultura na Rede, conferencias e visitas culturais complementan as aulas de lingua e cultura galega destes cursos que chegan á súa XXX edición recibindo máis de 80 estudantes provenientes de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, EUA, Hungría, India, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras comunidades autónomas do Estado español.

Menús News node R