Román Rodríguez salienta o axuste da FP ás necesidades dos tecidos produtivos galegos

O conselleiro participou hoxe na presentación do estudo ‘O futuro laboral dos mozos’, segundo o cal o 76% dos alumnos de ciclos formativos considera que saen preparados para acceder ao mercado laboral

Ven, 30/06/2017 - 11:47
Román Rodríguez salienta o axuste da FP ás necesidades dos tecidos produtivos galegos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do estudo O futuro laboral dos mozos, elaborado pola Fundación AXA e Educa 20.20; un documento segundo o cal o 76% dos alumnos de FP enquisados considera que as ensinanzas que están a cursar prepáraos axeitadamente para acceder ao mercado laboral. Este dato reflicte, tal e como indicou o conselleiro, que as políticas desenvolvidas para vincular a FP ás necesidades dos tecidos produtivos de Galicia van no bo camiño.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou a forte aposta realizada nos últimos anos en prol da posta en valor da FP, que se acaba de reafirmar a través da nova oferta de ciclos formativos. Non en balde, este curso increméntanse as prazas en dual, con 29 proxectos e coa introdución dunha nova modalidade, a da dobre titulación, que permite obter dous títulos en 3 cursos académicos en lugar de nos 4 habituais, mentres o combinan con actividade de traballo real nunha empresa.

Segundo os datos do informe, o 57%  dos alumnos de FP pensa que vai atopar traballo na profesión para a que se vai formar e un 40% cre que o atopará fóra de España. Ademais, case o 55% ten como obxectivo principal traballar unha vez remate o ciclo. Finalmente, case un 30% estudaría un ciclo de grao superior ao rematar o ciclo que estuda actualmente.

Plurilingüismo

O futuro laboral dos mozos tomou unha mostra en Galicia de 1.014 mozas e mozos (de entre 16 e 19 anos) das catro provincias galegas. No conxunto de España realizáronse un total de 12.000 entrevistas, todas elas entre estudantes de ESO e Formación Profesional.

Outra das cuestións abordadas na enquisa refírese ao coñecemento por parte do alumnado das linguas estranxeiras, segundo o cal case un 60% dos entrevistados ten un nivel medio ou alto de inglés. O conselleiro sinalou este como un bo dato para continuar avanzando cara a unhas altas porcentaxes de coñecemento do inglés a través da nova estratexia do seu departamento, o EDUlingüe, que ten como obxectivo garantir ao alumnado o acceso a estas ensinanzas de coñecemento de idiomas desde o ensino público en igualdade de oportunidades.

Así mesmo, o estudo sinala que o 14,5% do alumnado ten un nivel medio ou alto de portugués; unha liña prioritaria para o Goberno galego, co fin de aproveitar as sinerxías que o mundo da lusofonía nos abre, o que significará tamén novas oportunidades formativas e laborais. Non en balde, xa estudan a lingua lusa máis de 2200 alumnos galegos.

Vocacións STEM

No referido aos futuros estudos que lle gustaría cursar aos enquisados, só o 12,2% opta polos de Enxeñaría ou Arquitectura e o 10% polos de Ciencias. O conselleiro explicou que esta falta de vocacións STEM (científico-tecnolóxicas) foi detectada xa hai algún tempo pola Xunta de Galicia e está a ser atallada a través de diferentes actuacións.

No futuro máis próximo, o Goberno galego vai desenvolver un plan de ensino dixital a través do que poder fomentar as vocacións STEM a través da introdución da Robótica en Primaria, das materias de libre configuración autonómica sobre este ámbito ou da posta en marcha dos Club de ciencia, entre outras accións; aspectos nos que xa vimos traballando.

Impulso do emprendemento

Román Rodríguez quixo facer fincapé, asemade, sobre o dato do estudo que indica que só o 10% dos enquisados quere crear a súa propia empresa, o 5% ser autónomo ou freelance e o 1% continuar cun negocio familiar. “Este país necesita emprendedores, innovadores, ideas novas. Desde o sistema educativo levamos anos impulsando a cultura emprendedora a través do Plan Eduemprende” que, a través de concursos de ideas de negocio, charlas con persoas que desenvolveron os seus propios proxectos…, busca inculcar este espírito entre os máis novos.

Finalmente, o conselleiro agradeceu aos autores do estudo o seu interese por analizar a perspectiva das mozas e mozos sobre asuntos como os estudos futuros ou as oportunidades laborais e desexou que en vindeiras edicións os resultados deste informe continúen a efectividade das actuacións que se están a desenvolver para mellorar a educación en Galicia.