A VI edición dos premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’ xa ten gañadores
Os centros premiados son os CEIP de Santo Paio de Abaixo de Redondela, Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo e Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago
O concurso forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que promoven a Consellería e mais a CRTVG en colaboración con OQOeditora
Mér, 14/06/2017 - 15:44

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer a través do seu Portal educativo e mais do Portal da lingua galega a resolución da VI edición dos Premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’, convocados conxuntamente coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en colaboración con OQOeditora.

Na modalidade de educación infantil o xurado acordou concederlle o premio ao profesorado e ao alumnado do CEIP de Santo Paio de Abaixo, de Redondela, polo traballo “Que mal cheira!”. Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o centro galardoado foi o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo, polo filme “O mundo nos ollos”. O compostelán CEIP Mestre Rodríguez Xixirei fíxose co premio na categoría de 3º e 4º de primaria pola curtametraxe “A guerra dos números”.

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As curtametraxes seleccionadas poden verse no Portal da lingua galega (www.lingua.gal/nos-tamen-creamos), así como na sección infantil do web da Televisión de Galicia (TVG, www.crtvg.es).

Programa de dinamización da lingua galega

'Nós tamén creamos!' é un programa de dinamización lingüística que desenvolven a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e a CRTVG en colaboración con OQOeditora.

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion que adaptan narracións literarias, búscase favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.