Educación proponlle ás universidades adiantar a proba extraordinaria de acceso ao mes de xullo
O obxectivo é iniciar tras o verán as conversas para consensuar esta medida, que afectaría por primeira vez ao alumnado que se matricule en 2º de bacharelato no curso 2018/19
Deste xeito poderíase analizar a situación á luz dos acordos que se tomen no marco do Pacto Educativo que se está a negociar a nivel estatal
O Consello Galego de Universidades analizou hoxe esta proposta, así como a conxelación dos prezos públicos de matrícula un curso máis
Mar, 13/06/2017 - 15:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propuxo hoxe no Consello Galego de Universidades (CGU) comezar a traballar o vindeiro mes de setembro na posibilidade de adiantar ao mes de xullo a realización da proba extraordinaria de acceso á universidade, que ata o momento se vén realizando en setembro. En calquera caso, e para evitar sucesivos cambios no calendario educativo, o cambio afectaría por primeira vez ao alumnado que se matricule en 2º de bacharelato no curso 2018/19 que, no caso de saír adiante esta reforma, podería realizar esa proba en xullo de 2019.

O obxectivo é iniciar as conversas coas tres universidades galegas, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), tras o verán, co fin de analizar a oportunidade do cambio á luz dos acordos que se tomen no marco do Pacto Educativo que se está a negociar a nivel estatal. Este contexto nacional, así como a necesidade de acadar o máximo consenso arredor desta medida, recomendan a non aplicación desta modificación xa para o vindeiro curso. Desta forma, ademais, o alumnado terá tempo dabondo para coñecer os cambios con anterioridade.

No caso de que se acordase adiantar a proba extraordinaria, a Consellería adaptaría as probas de recuperación de 2º de Bacharelato ás datas nas que a proba de acceso se realizase.

Prezos públicos

O pleno do CGU informou tamén hoxe favorablemente o informe sobre o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico, a través do que se conxelan un ano máis. Deste xeito, os prezos a aboar por cursar estudos universitarios oficiais para o curso 2017-2018 non sufriran incremento ningún respecto dos vixentes no curso actual, de tal forma que Galicia continuará sendo a Comunidade Autónoma cos prezos máis baixos na matrícula de grao.

Ademais, o decreto polo que se fixan estes prezos clarifícase, sistematízase e inclúe algunhas novidades, entre as que cómpre salientar a inclusión como causa de exención do pagamento dos prezos públicos no seu primeiro curso universitario, o feito de ter obtido medalla en olimpíadas acreditadas de ámbito nacional ou internacional, na liña de recoñecemento da excelencia que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia.

Por outra banda, desaparecen do decreto as referencias ás ensinanzas renovadas, xa que logo estes estudos xa están extinguidos así como ás matriculas en créditos de libre elección; e inclúese a referencia ás bolsas de matrícula da Consellería, co fin de igualar o tratamento dos solicitantes das mesmas ao que é de aplicación aos solicitantes das bolsas do MECD.

O borrador foi remitido ás universidades co obxecto de que achegasen as suxestións, moitas das cales foron incluídas no documento sometido hoxe a informe.

Autorización de implantación

O pleno do Consello Galego de Universidades deu tamén informe favorable á autorización de implantación dos máster universitarios en Edificación Sustentable (UDC), en Fotónica e Tecnoloxías do Láser (UDC), en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria (USC), en Fotónica e Tecnoloxías do Láser (UVigo) e en Xestión Ambiental na Industrial (UVigo). Asemade, recibiron a autorización o Programa Oficial de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (USC), así como os programas oficiais de doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, en Creatividade e Innovación Social e Sustentable e en Protección do Patrimonio Cultural, estes tres últimos da UVigo. No caso do máster universitario en Enxeñaría Industrial (UDC), a autorización está pendente da resolución de verificación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O conselleiro quixo tamén lembrar que o seu departamento e as tres universidades están a traballar na ordenación do mapa de titulacións do SUG, en base ao acordo asinado o 20 de marzo deste mesmo ano para a definición dos principios reitores da planificación da oferta académica universitaria ata o curso 2020/21, a través dun procedemento de absoluta transparencia e priorizando a colaboración e o deseño de graos interuniversitarios. Co fin de avanzar na aplicación do devandito acordo, estanse a celebrar xuntanzas cos vicerreitores responsables da oferta académica.

Escolas de doutoramento

O pleno do CGU deu tamén hoxe o visto e prace á creación na Universidade de Santiago de Compostela das Escolas de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; en Campus Terra; en Ciencias da Saúde; e en Ciencias e Tecnoloxía. Esta nova estrutura de escolas englóbase no denominado Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) como estrutura administrativa e de organización específica, que ten por obxecto a xestión e a coordinación das ensinanzas de doutoramento, así como do proceso conducente á obtención do título de doutor.

A nova estrutura substitúe á Escola de Doutoramento Internacional da USC, creada en 2013 como única e multidisciplinar, que desaparece pola necesidade manifesta dunha especialización académica por grandes ámbitos de coñecemento, en consonancia coas liñas estratéxicas de investigación, para conseguir unha identidade formativa e científica propia, ligada por afinidade aos tres campus da USC.

Outros asuntos

Entre outros asuntos, no Consello Galego de Universidades informouse de que se asinarán novas addendas dos convenios de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades do SUG e a UNED para a realización do practicum do Máster universitario en profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas. En total ofertaranse 799 prazas para a realización deste máster na comunidade galega, das que, 240 corresponden á USC, 195 á UDC e 280 á UVIGO, o que supón o mantemento do número ofertado o pasado curso; mentres que outras 84 serán da UNED.

Asemade, deuse o visto e prace aos cambios de denominación do Máster universitario en Enxeñaría da Construción da UVigo, que pasará a ser Máster Universitario en Xestión e Tecnoloxía de Estruturas e Instalacións; da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, a partires de agora Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, e da Escola de Negocios Afundación (UVigo), que se denominará Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE).

Por outra parte designouse a Javier Bueno Lema, profesor do departamento de Enxeñarçia Agroforestal da Escola politécnica Superior de Lugo, e a Manuel Fernández Grela, profesor do departamento de Fundamento de Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC como representantes das universidades galegas no Consello Galego de Cooperativas. Así mesmo, nomeouse ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, como representante das universidades públicas de Galicia no padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL).