O CEIP coruñés Anxo da Garda recibe o premio concurso-exposición letras galegas de infantil e primaria
O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta na Coruña entregaron o galardón nun acto celebrado esta mañá no propio centro
A colección de láminas ‘Carlos Casares, un escritor desta Galaxia’ distribuíuse en preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior para difundir a figura do autor das Letras Galegas deste ano
Lun, 12/06/2017 - 15:08

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, entregáronlle esta mañá ao profesorado e ao alumnado do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da cidade herculina o premio na modalidade de infantil e primaria do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 nun acto celebrado no propio centro. O galardón premia a colección de carteis e a unidade didáctica titulados ‘Carlos Casares, un escritor desta Galaxia’, que foron elaborados polo profesorado e o alumnado do Anxo da Garda para dar a coñecer a vida e a obra de Carlos Casares.

Valentín García valorou “a orixinalidade, á par que a eficacia da proposta galardoada para difundir a figura de Casares”, a quen lembrou “non só como un narrador extraordinario, tamén no ámbito da literatura infantil, senón como un impulsor decidido do uso do galego en espazos cada vez máis amplos e variados”.

Colaboración de Feiraco

O grupo de profesorado e de alumnado que elaborou a mostra ‘Carlos Casares, un escritor desta Galaxia’ recibiu un cheque por valor de 2000 euros, outro intercambiable por produtos lácteos da marca Feiraco, entidade colaboradora neste galardón, e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado implicado no desenvolvemento do traballo obtivo unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (ou 30, no caso do coordinador do proxecto).

A canda García Gómez e Rodeiro Tato, interviñeron no acto José Montes, presidente de Feiraco Soc. Coop. Galega e vicepresidente de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN); Virxinia Casares Fernández, vogal da Fundación Carlos Casares e sobriña do escritor; e mais Cristina Culebras, directora do centro.

Estudo e difusión da obra de Casares

A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe cada ano á celebración do 17 de maio nos centros de ensino da súa titularidade convocando o Concurso-Exposición Letras Galegas. Os obxectivos que persegue este certame son incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e arrequecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros, ademais de impulsar o estudo e a difusión da obra do autor homenaxeado, dentro e fóra do ámbito educativo.

As exposicións gañadoras este ano -na modalidade de infantil e primaria, ‘Carlos Casares, un escritor desta Galaxia’, do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda, e, na modalidade de secundaria, ‘Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias’ do IES Carlos Casares de Vigo- serán distribuídos en case 2000 punto de Galicia e do exterior: centros educativos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística, centros de estudos galegos de universidades europeas e americanas, centros galegos...

Materiais dispoñibles no Portal da Lingua Galega

Os carteis que integran a exposición gañadora na modalidade de infantil e primaria foron elaborados cunha caixa ou mesa de luz, unha ferramenta educativa e lúdica que permite distintas posibilidades de creación e resulta moi motivadora para os rapaces e rapazas. O resultado é un conxunto harmonioso de alta calidade plástica que integra as tecnoloxías máis actuais mediante a incorporación de códigos QR e que, pola súa claridade expositiva, serve perfectamente á finalidade de difundir a figura de Carlos Casares e a súa obra.

As láminas, a guía didáctica e o marcapáxinas que conforman este proxecto poden verse en www.lingua.gal/dia-letras-galegas.