Valentín García acompaña a Xosé Luna na presentación do seu libro ‘Da lectura e outras cousiñas’

O traballo é unha escolma de 94 artigos previamente publicados en prensa e galardoados con Premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo

Sáb, 03/06/2017 - 19:45

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu este serán ao Auditorio 2 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia para acompañar a Xosé Luna Sanmartín na presentación do volume Da lectura e outras cousiñas, que publica Edicións Embora.

Valentín García quixo ter unha lembranza para o autor do prólogo do libro, Xosé Neira Vilas, que deixou escrita a súa opinión sobre a prosa “áxil, clara, por veces irónica, de Xosé Luna”. Con respecto aos textos de Xosé Luna, o secretario xeral considerou que é “imposible aburrirse con esta obra tan variada como ben escrita, na que se percibe o amor do autor pola lingua galega, pola literatura e polo país, coas súas virtudes e cos seus defectos tamén”.

A canda Valentín García interviñeron na presentación o propio autor; o editor, Miguel Toval, e as profesoras Pilar Sampedro e Charo Golmar. Pechou o acto a Coral Polifónica de Berres.

Da lectura e outras cousiñas

A obra que hoxe se presentou é unha escolma de 94 artigos publicados en prensa nos anos 2013, 2014 e 2015 e que recibiron o Premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo por mor da súa contribución a fomentar a lectura, da súa frescura e do recurso eficaz ao humor e ás anécdotas ben traídas.

O libro, prologado en 2015 por Xosé Neira Vilas, contén textos eruditos, descritivos e poéticos que se refiren a temáticas variadas, entre as que destaca o libro e a lectura, pero que inclúen tamén viaxes, experiencias docentes, amor á vida e á natureza, cuestións de ámbito internacional e referencias que nos achegan a personalidades como Avelina Valladares, Avelino Pousa, Paco Lareo ou Díaz Castro, entre outros.

Menús News node R