O alumnado de FP do IES Sanxillao amosa ao público as súas destrezas no eido da hostalaría

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou na Xornada ‘Formados e Profesionais’ que congrega a blogueiros e publicacións sectoriais no eido destas ensinanzas

Esta iniciativa -que se está a desenvolver nos oito centros que integran a Rede Galega de FP de Hostalaría- abrangue mesas redondas e encontros, así como unha exposición práctica do traballo dos alumnos con show cooking, coctelería, preparación de aperitivos e elaboración dun xantar degustación, entre outros

Xov, 01/06/2017 - 22:49
O alumnado de FP do IES Sanxillao amosa ao público as súas destrezas no eido da hostalaría
O alumnado de FP do IES Sanxillao amosa ao público as súas destrezas no eido da hostalaría

O IES Sanxillao acolleu hoxe unha xornada de portas abertas na que os alumnos de Formación Profesional deste centro dirixidos polos seus profesores amosan os coñecementos adquiridos nas ensinanzas de FP da familia de Hostalaría (nos ciclos de cociña, restauración e gastronomía)

Trátase da quinta xornada “Formados e Profesionais”, que se está a desenvolver nos oito centros que integran a Rede Galega de FP de Hostalaría co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor -a través de novas canles informativas como a internet e os blogs especializados- o traballo desenvolto polos docentes e polo alumnado desas ensinanzas.

Con motivo desta Xornada, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse hoxe o IES Sanxillao, onde compartiu con docentes e invitados un xantar degustación elaborado polos alumnos do centro, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O conselleiro destacou a importancia de dar a coñecer o labor formativo que se realiza nestes centros de FP especializados no eido da Hostalaría e o Turismo e que están a ser un referente a nivel nacional e internacional pola calidade das ensinanzas que se imparten.

Así mesmo, Román Rodríguez, subliñou a importancia de que a formación que se imparta estea imbricada no ámbito territorial no que se desenvolve e adaptada á demanda dos sectores produtivos. Os últimos datos de empregabilidade sitúan a inserción medida da familia de Hostalaría e turismo no 73,2%; mentres que nos ciclos de cociña e gastronomía acada o 71,1%, o 81% en Dirección de cociña, case o 82% nos Servizos en restauración, e do 100% en Dirección de servizos en restauración.

Segundo o conselleiro, estas porcentaxes ratifican que a aposta do Goberno galego por unhas ensinanzas de FP de calidade, con profesionais cualificados e con capacidade de inserirse no mundo laboral avanza en boa dirección grazas, sobre todo, á implicación dos docentes e dos propios alumnos.

Os centros da Rede

Esta iniciativa arrancou hai dous meses no IES Vilamarín (Ourense), e posteriormente tivo lugar no CIPF Paseo das Pontes (A Coruña), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), e no CIFP Compostela (Santiago). A próxima semana terá lugar unha xornada coma esta no IES Fraga do Eume (Pontedeume); e xa a comezos do vindeiro curso celebraranse encontros deste tipo no CIFP Manuel Antonio (Vigo) e no IES de Foz (Lugo).

En todos eles ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso ex alumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.gal/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.