Abre o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar ou acceder ao fondo público
As familias dispoñen de prazo ata o 23 de xuño para presentar nos centros educativos as correspondentes solicitudes.
Poderá acceder ao fondo solidario de libros de texto o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO de centros sostidos con fondos públicos
O alumnado de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial poderá optar ás axudas da Consellería para a adquisición de libros, que varía entre 90 e 170 euros segundo a renda per cápita no primeiro caso; ou de 250 euros para o alumnado de Educación Especial
A maiores establécese un vale de 50 euros para a compra de material escolar, destinado a familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros
Lun, 22/05/2017 - 12:07

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso 2017/18.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170522/AnuncioG0164-120517-0005_gl.html ), o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 23 de xuño.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a case 12,4 millóns de euros a razón de 5,5 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,14 millóns para a adquisición –por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a dito fondo.

Destinatarios e tramitación

O vindeiro curso 2017/2018 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. Nos restantes cursos -1º e 2º de educación primaria, e en educación especial- funcionarán as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado na educación primaria, ESO e educación especial.

As solicitudes poderá presentarse de xeito presencial nos propios centros docentes onde estea matriculado o alumno (con carácter preferente), ou ben nos rexistros oficiais establecidos para tal fin, co formulario cuberto e a documentación requirida.

No pasado curso a Consellería procedeu a integrar as tres modalidades (fondo axudas libros e axudas material) nunha única convocatoria, unificando tamén as fases de gravación, validación comprobación das solicitudes e documentación, o que simplificou tanto a actuación das familias como a xestión dos centros docentes (autonomía e flexibilidade para realización de trámites).

Fondo solidario

A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e toda a etapa de ESO (1º, 2º, 3º e 4º curso) farase, ao igual que nos dous anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terán preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexa necesario. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros, ben utilizados do mesmo fondo o ano pasado, ben adquiridos con cargo á convocatoria de axudas para a compra de libros de texto.

Axudas para a compra de libros

Estas axudas da Consellería están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e o alumnado matriculado en Educación Especial. As contías, as condicións e os requisitos para a adquisición de libros de texto mantéñense invariables respecto do curso 2016/2017.

Así mesmo, mantense que, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Para o resto dos casos, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

 Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros
 Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000 euros: 90 euros

Non obstante, os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima (170 euros), e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Axudas para material escolar

Os destinatarios das axudas para material escolar son todo o alumnado matriculado en educación primaria e de ESO cuxo umbral de renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

No caso do alumando en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Datos curso 2016/2017

No curso 2016/2017 concedéronse un total de 52.608 axudas á adquisición de libros de texto e 98.816 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 465.629 manuais, dos que só foi necesario adquirir o 13,73%.

Neste sentido cómpre agradecer ás familias a súa colaboración para o axeitado funcionamento do fondo solidario, que beneficia ao conxunto do sistema educativo. De feito, no curso 2016/2017, houbo 289 alumnos non puideron acceder ao fondo por non teren devolto os manuais esixidos do curso anterior.