‘O tren que me leva’ segue os pasos de Casares para conmemorar as Letras da man de Renfe e da Xunta
Política Lingüística, Renfe Viaxeiros, ADIF, Leite Noso (Deleite) e Editorial Galaxia únense para levar adiante este programa de actividades que prolonga a difusión da obra de Casares máis alá do 17 de maio
Valentín García e Mª Sol Díaz acudiron hoxe á estación de tren de Ourense para presentar o proxecto e recibir o alumnado participante
Xov, 18/05/2017 - 15:00

O proxecto de dinamización lingüística O tren que me leva segue os pasos de Carlos Casares para conmemorar as Letras Galegas 2017 da man de Renfe Viaxeiros, do Adif e da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Fundación Carlos Casares, de Leite Noso (Deleite) e da Editorial Galaxia. O programa de actividades prolonga a difusión da obra do autor homenaxeado pola Real Academia Galega máis alá do 17 de maio.

A estación de ferrocarril de Ourense acolleu esta mañá o acto de presentación, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a delegada territorial da Xunta en Ourense, Mª Sol Díaz Mouteira. Os representantes da Xunta recibiron alí o alumnado do IES de Arzúa, participante nunha das accións do programa O tren que me leva, que os levou en tren ata a Cidade das Burgas.

O secretario xeral agradeceu durante a súa intervención a implicación das empresas públicas e privadas que interveñen nesta acción, mostra “das posibilidades que ofrece a colaboración de entidades de distinto signo a prol da nosa lingua e da importancia que ten estender a defensa do idioma propio de Galicia como parte da responsabilidade social empresarial e máis alá dos foros estritamente intelectuais, tal e como preconizou Carlos Casares”.

García Gómez e Díaz Mouteira estiveron acompañados polo alcalde ourensán, Jesús Vázquez; polo xerente de Servizo Público de Galicia de Renfe, José Enrique Fonte; pola xerente de Leite Noso (Deleite), Patricia Sánchez; e polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Solta de libros e roteiro literario

Tras o acto, o alumnado do IES de Arzúa realizou na mesma estación de tren, cuxas instalacións cedeu o ADIF para a actividade, unha solta de 90 libros da Biblioteca Carlos Casares entre os viaxeiros. Foron exemplares dos títulos Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán e Os mortos daquel verán. Os estudantes distribuíronos recomendándolles aos receptores que os lesen e, ao rematalos, os deixasen quedar no tren ou na estación para que outra persoa puidesen coñecer a obra do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas.

A seguir, o alumnado arzuán percorreu o Roteiro Carlos Casares, deseñado polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, quen foi o guía da rapazada ao longo de 18 puntos emblemáticos da cidade de Ourense especialmente relevantes na vida do autor das Letras.

De volta ás súas casas, os viaxeiros e viaxeiras do IES de Arzúa foron os primeiros en ver os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas que estarán durante un mes á vista dos usuarios de 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense.

Na viaxe en tren de ida e de volta realizaron diversas actividades relacionadas coa figura e a obra de Carlos Casares, accións coas que se busca prolongar a celebración das Letras Galegas e a difusión da obra do autor ourensán máis alá do 17 de maio.

Casares e o tren

Carlos Casares, autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, está estreitamente vencellado ao tren: mostrou desde sempre unha afección enorme por este medio de transporte e mesmo posuía unha maqueta enorme dun ferrocarril no xardín da súa casa. No ano 2000 participou, xunto con máis de 80 escritores europeos, no Expreso da Literatura Europea que, durante mes e medio, percorrería o Vello Continente desde Lisboa ata San Petersburgo con escritores de distintos países e en distintas linguas entre as que, da man de Carlos Casares, viaxaría a galega.