O Día das Redes Galegas sumóuse en Pontevedra á celebración do 17 de maio

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á mañá na inaguración deste encontro que promove a Universidade de Vigo en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación

Xov, 11/05/2017 - 18:15
O Día das Redes Galegas sumóuse en Pontevedra á celebración do 17 de maio

O Día das Redes Galegas – Social Media Day 2017 conmemorou hoxe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo (UVigo) as Letras Galegas e Internet con motivo do 17 de maio, no marco do convenio de colaboración asinado entre esta institución, por medio da súa Área de Normalización Lingüística (ANL), e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O acto de inauguración contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen salientou na súa intervención “a importancia da promoción do uso e da visibilidade da lingua galega nas redes sociais, nas que a lingua propia de Galicia se atopa entre as trinta primeiras máis empregadas”.

García Gómez estivo acompañado polo director da ANL, Paulo Cabral; polo decano da facultade, Xosé Manuel Baamonde; e mais polo profesor Xabier Martínez Rolán.

Día das Redes Galegas - Social Media Day 2017

O Día das Redes Galegas – Social Media Day é unha xornada que analiza desde o punto de vista académico e profesional o uso das redes sociais a grande escala, mais desde unha perspectiva local como é a galega, dada a importancia e o protagonismo do que gozan estas redes na vida cotiá da cidadanía, tanto para a comunicación como para a información. A xornada centrouse nas redes sociais como ferramentas, da mesma maneira que a lingua é unha ferramenta máis para a comunicación nun espazo que, día a día, se volve máis tecnolóxico e en liña.

A terceira edición da xornada, que tamén tivo retransmisión por streaming a través dos servizos da Uvigo TV, artellouse en dúas mesas temáticas arredor de experiencias nas redes sociais e na mercadotecnia dixital en Galicia e con participación tanto de compañías punteiras galegas coma de estudantado egresado da facultade que a acolleu. Contou como relatores con Arancha Vilas, de Social Media Elephone Spain; Marcos Gómez Lamela, Outbound Marketing Director en Elogia); Cris Rey, blogger; e María Pérez Justo, de Twitter España) e pechouse coa mesa redonda Social Media, moderada polo profesor Alberto Dafonte.

Colaboración coa Universidade de Vigo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coas tres universidades galegas nas actividades que estas desenvolven, a través dos seus servizos ou áreas de normalización lingüística, para a promoción do idioma galego. Para iso, asina anualmente cadanseu convenio de colaboración en materia de normalización lingüística, que inclúe actuacións como a organización de xornadas formativas e divulgativas, a convocatoria de premios, o asesoramento lingüístico para traballos de investigación e mais a elaboración de materiais e dun estudo sociolingüístico.

Menús News node R