400 alumnos afondarán na restauración ambiental a través dun proxecto con Endesa e a USC

O conselleiro de Cultura e Educación, o reitor da USC, a directora de proyectos da Fundación Endesa e o director de Minería de Endesa Generación asinaron hoxe un convenio para poñer en marcha esta iniciativa
A formación será recoñecida pola Consellería de Cultura e Educación, dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado.
A escombreira de As Pontes tomarase como exemplo práctico
Mér, 03/05/2017 - 18:28

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o a directora de proxectos da Fundación Endesa, Begoña Muñoz de Verger; e o director de Minería de Endesa Generación, Juan Carlos Alonso; asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto educativo medioambiental a través do cal polo menos arredor de 400 alumnos e 20 docentes recibirán cada ano formación sobre a restauración dos espazos que albergaron explotacións mineiras.

Segundo salientou o conselleiro, trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia en prol do fomento dos valores medioambientais entre os máis novos. Neste sentido, a Consellería traballa neste eido a través da materia Paisaxe e sustentabilidade en Galicia, que conta este ano con 1.860 matriculados, e do Plan Proxecta, no marco do que a Consellería de Medio Ambiente desenvolve os programas 'Paisaxe e Sustentabilidade', 'MeteoEscolas', 'Protexe o teu medio', 'Proxecto Terra', 'Recíclate con Sogama', ' Proxecto Ríos', 'Protexe os animais' e 'Naturézate'.

Formación e contidos

O proxecto medioambiental dividirase en tres fases. Na primeira delas, a Universidade de Santiago de Compostela elaborará o material preciso para a formación do profesorado, tanto presencial como en liña, en eidos como os sistemas acuáticos e humedais, a revexetación, a fauna; ou o papel do chan nos espazos mineiros restaurados, tomando como referencia de caso real o da escombreira de As Pontes. Así mesmo, elaborarase unha guía didáctica deste espazo mineiro restaurado e cadernos de campo para as posteriores visitas do alumnado.

A colaboración da USC na preparación destes contidos enmárcase no labor que xa teñen desenvolvido en materia de educación ambiental, e mesmo na propia restauración deste espazo mineiro.

Na segunda das fases formarase a docentes de secundaria e bacharelato - 20 cada ano- cos devanditos materiais. Esta formación será recoñecida pola Consellería de Cultura e Educación, dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado.

Visitas de campo

O cumio do proxecto será o traballo sobre, polo menos, 400 alumnas e alumnos cada ano. Nelas os estudantes poderán percorrer a mina restaurada de As Pontes e realizar traballos de campo sobre a recuperación, a flora, a fauna…; da man do profesorado formado con anterioridade.

O obxectivo é aproveitar esta contorna para concienciar ao alumnado da importancia dos ecosistemas e da biodiversidade para o funcionamento da sociedade. Así mesmo, aprenderán como un espazo moi afectado pola instalación dunha explotación mineira, pode ser restaurado ata o punto de recrear nel hábitats cun bo grao de naturalidade.

Neste sentido, a singularidade da obra de restauración e os diferentes ambientes que alberga fan da escombreira de As Pontes un espazo ideal para o estudo e o traballo de campo, tanto do alumnado como do profesorado.

Compromisos das partes

No marco deste acordo a Consellería comprométese ao recoñecemento das actividades formativas asociadas, así como a fomentar e facilitar a participación de profesorado e alumnado neste programa educativo.

Pola súa banda, a USC ocuparase de elaborar materiais e contidos, mentres que a Fundación Endesa e Endesa Generación se encargarán do groso do financiamento, incluido o transporte do alumnado para as visitas programadas.