Escolares de Vigo celebran hoxe o Día da lingua portuguesa

O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos organizados pola Coordenação de Ensino Portugês no Estrangeiro em Espanha e Andorra co apoio do Instituto Camões da Cooperação e da Língua

Mar, 25/04/2017 - 19:00
Escolares de Vigo celebran hoxe o Día da lingua portuguesa

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no auditorio do IES Politécnico de Vigo nos actos organizados pola Coordenação de Ensino Português no Estrangeiro em Espanha e Andorra co apoio do Instituto Camões da Cooperação e da Língua para celebrar o “Día da lingua portuguesa e da cultura da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa)”.

Valentín García recordou que a Comisión Europea, no documento “Languages for Jobs”, sen negar a importancia de saber inglés, insiste en coñecer tamén outros idiomas estranxeiros, e moi especialmente aqueles de países próximos, sobre todo en lugares achegados á fronteira. “Se a isto lle sumamos a facilidade que temos os galegos para acceder ao portugués dende o noso coñecemento da lingua propia de Galicia, a elección deste idioma como segunda lingua estranxeira na educación secundaria parece máis ca acertada”, concluíu.

A canda o secretario xeral de Política Lingüística, participou nesta xornada a coordenadora do ensino do portugués lingua estranxeira en España e Andorra, Filipa de Paula Soares, así como profesorado e alumnado de centros educativos do sur da provincia Pontevedra.

Actividades para a difusión da lingua e da cultura portuguesas

O “Dia da língua portuguesa e da cultura da CPLP” fíxose coincidir co 25 de abril, data que en Galicia se asocia inevitablemente a Portugal por ser o aniversario da Revolução dos Cravos con que se deu fin á ditadura imperante no país veciño durante case cincuenta anos.

A xornada abriuse, precisamente, cunha presentación acerca desta xornada histórica realizada por estudantes de tres institutos do sur de Pontevedra onde se imparte portugués como lingua estranxeira: o IES A Sangriña da Guarda e os vigueses IES Politécnico e Valadares. A continuación, o alumnado destes institutos e de diversos centros de primaria da cidade olívica asistiu á representación da peza teatral “O príncipe Nabo”, da compañía coimbrá AtrapalhArte. A sesión rematou coa entrega de caraveis vermellos de papel a todos os asistentes.

Os actos de difusión da lingua e da cultura dos países da CPLP non rematan, en todo caso, hoxe. Ata o 9 de maio haberá exposicións e diversas actividades lúdico-didácticas relativas aos ditos países e o día 5 do mesmo mes terá lugar unha mostra gastronómica da lusofonía con pratos confeccionados por alumnado de portugués de 3º curso da ESO.

Aproveitamento dos vínculos coa lusofonía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia esta celebración no marco das accións con que desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade. Estas accións inclúen o Memorando de Entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões para adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia (asinado en 2015) e a conseguinte implantación e consolidación desta materia en ESO e bacharelato.

A Lei Paz-Andrade foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas. O seu obxectivo non é outro que aproveitar a vantaxe lingüística do galego na CPLP.

Menús News node R