Educación recoñece o rendemento académico e o esforzo persoal de 40 estudantes da ESO
O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a entrega anual dos Premios Extraordinarios que valoran a capacidade de traballo e a perseveranza destes rapaces durante o curso pasado
Román Rodríguez subliña que estes galardóns son un “éxito colectivo” de familias, profesorado e alumnado
Ven, 21/04/2017 - 13:39

Un total de 40 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria veñen de ser recoñecidos cos Premios Extraordinarios de ESO ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal durante o pasado curso 2015/16.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a entrega dos galardóns, nun acto ao que tamén asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; docentes dos centros escolares e familiares dos propios alumnos, entre outros. 

Román Rodríguez asegurou que a responsabilidade, a capacidade de traballo e as circunstancias persoais destes 40 rapaces e rapazas exemplifican os valores da xuventude galega. Así mesmo, subliñou que estes premios son “un éxito colectivo” do profesorado, das familias e dos propios alumnos e alumnas, aos que expresou os seus parabéns, ao tempo que os emprazou a que non perdan nunca a súa paixón por estudar, aprender e formarse.

O conselleiro comprometeuse a seguir traballando desde o Goberno galego para avanzar nun sistema educativo no que o alumnado sexa o eixo central desta estrutura, no que se reforce a transmisión de valores como a cultura do esforzo e o espírito de superación, e no que se potencie o papel activo do profesorado. Nesta liña, insistiu en avanzar cara un sistema marcado por obxectivos coma o traballo en equipo (aproveitando os diferentes puntos de vista e capacidades de cadaquén), o valor da diferenza, e sumar calidade e equidade en canto a resultados e igualdade de oportunidades.

Rendemento académico

Do conxunto de premiados, 20 deles foron recoñecidos polo seu rendemento académico, xa que todos eles obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9, e deles, o 55 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10.

Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, física e química, latín, música e tecnoloxía.

Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.

Nesta edición acadaron o galardón 9 alumnos e alumnas de centros da provincia da Coruña (Alexo Castro Yañez, do CPR Manuel Peleteiro; Xoán Domínguez San José, do IES A Pontepedriña; Manuel Fernández López, do IES Plurilingüe de Ames; Nuria Mexuto Bautista, do IES María Casares; Juan Carlos Regueiro García, do IES Fernando Wirtz Suárez; Juan Carlos Rocamonde Quintela, do CPR Manuel Peleteiro; Enrique Salvado Vigo, do IES Antonio Fraguas Fraguas; Andrés Tasende Caamaño, do IES Alfredo Brañas; e Carlos Villanueva Mariz, CPR Manuel Peleteiro), 1 da provincia de Lugo  (Saúl Corredoira Rodríguez, do CPR La Inmaculada), 3 da provincia de Ourense (Óscar Fernández Alonso, do CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús; Brais Gerpe Vilas, do IES Ramón Otero Pedrayo; e Óscar Ocampo Pérez, do IES Eduardo Blanco Amor)) e 7 de centros da provincia de Pontevedra (Inés Allariz Pena, do CPI do Toural; Antía Álvarez Pazó; do IES Alexandre Bóveda; Eva Diz Ferreira, do CPR Plurilingüe Apostol Santiago; Virginia Estévez Suárez, do IES Mestre Landín; Candela García García, do CPR Plurilingüe Apostol Santiago; José Antonio López Franco, do IES de Ponte Caldelas; e Paloma Otero López, do IES Gonzalo Torrente Ballester).

Esforzo e superación

Os outros 20 galardoados correspóndense con alumnos e alumnas que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa de Secundaria en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Neste apartado resultaron premiados 8 rapazas e 12 rapaces. Por provincias, tres premiados son da provincia da Coruña; oito de Lugo; un de Ourense, e oito en Pontevedra. E ao igual que os de rendemento académico, os premios están dotados con 750 € e diploma acreditativo.