‘Conversas en Empresariais' afonda no compromiso e no valor da lingua galega na actividade empresarial

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou durante a súa intervención no acto de clausura “a importancia de escoitar os axentes do sector comercial e empresarial para elaborar e desenvolver plans neste ámbito tales como o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está levando adiante a Xunta de Galicia”
A iniciativa organízaa a Universidade de Vigo en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, co Foro Enrique Peinador e con FUNDAMAR
Xov, 06/04/2017 - 17:55
‘Conversas en Empresariais' afonda no compromiso e no valor da lingua galega na actividade empresarial
‘Conversas en Empresariais' afonda no compromiso e no valor da lingua galega na actividade empresarial

O encontro ‘Conversas en Empresariais’ afondou hoxe á mañá na Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo no compromiso e no valor da lingua galega na actividade empresarial e no uso e promoción da lingua propia de Galicia no sector socioeconómico. O foro de debate clausurouno o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordando que a Xunta é consciente “tanto de que o idioma é un activo para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, como da importancia que ten o sector empresarial para a valoración social e o uso da lingua” e lembrou que, por este motivo, o goberno galego conta cun  “Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico”. 

O secretario xeral recordou que este plan se acordou e completou coas achegas de máis de 300 axentes do sector, porque “ningunha intervención lingüística terá éxito se non se conta, para deseñala e levala adiante, coas persoas e entidades a quen máis afecta”. “Así que é fundamental”, concluíu, “escoitar, igual que acabamos de facer hoxe, o que teñen que dicir os empresarios galegos para avanzarmos na galeguización do noso tecido económico”.

O titular de Política Lingüística estivo acompañado na mesa de clausura pola directora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, Consuelo Currás Valle, e polo presidente do foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez.  A iniciativa organizárona a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e mais a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, co Foro Enrique Peinador e coa Fundación para a Pesca e o Marisqueo( FUNDAMAR).

Empresas con acento galego

Coincidindo co seu patrón, San Vicente Ferrer, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo organiza unha serie de iniciativas formativas complementarias para o alumnado baixo o nome ‘Conversas en Empresariais’. Estas incluíron, durante a xornada de onte, a celebración do XX aniversario das prácticas obrigatorias no dito centro de educación superior. Hoxe, coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Foro Enrique Peinador e de FUNDAMAR, as “Conversas” estiveron centradas na promoción do galego no ámbito da empresa.

A sesión de hoxe, ‘Empresas con acento galego’, iniciouse coa conferencia ‘Enrique Peinador Lines: empresa e compromiso coa lingua’, a cargo de Ricardo Gurriarán. A continuación, tivo lugar a mesa redonda ‘O valor da lingua galega na actividade empresarial’, moderada polo presidente do Foro Enrique Peinador e na que interviñeron representantes das empresas Deleite (Patricia Sánchez), Egatel (Luis Hermida), Gadis (Pablo Louro) e Celtic Estores (Casián García).

Esta mesma tarde, os asistentes á xornada poderán facer o percorrido náutico “Vigo pesqueiro: Patrimonio industrial da Ría de Vigo”.

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

Dende o pasado 2016 a Xunta de Galicia conta cun instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. Este plan, ao que a Consellería de Cultura e Educación lle dedicará máis de 5 millóns de euros, desenvolve por primeira vez desde a Administración autonómica as directrices para este sector establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega .

O documento, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, foi acordado e completado coas achegas de 314 axentes implicados no sector económico, ademais do Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

Colaboración coa Universidade de Vigo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coas tres universidades galegas nas actividades que estas desenvolven, a través dos seus servizos ou áreas de normalización lingüística, para a promoción do idioma galego. Para iso, asina anualmente cadanseu convenio de colaboración en materia de normalización lingüística, que inclúe actuacións como a organización de xornadas formativas e divulgativas, a convocatoria de premios, o asesoramento lingüístico para traballos de investigación e mais a elaboración de materiais e dun estudo sociolingüístico.