Valentín García acompaña a Xosé Vizoso no seu nomeamento como fillo predilecto de Mondoñedo

O secretario xeral de Política Lingüística destacou o compromiso do artista coa cultura galega e afirmou que “esta, no século XX, non se pode entender sen a súa obra”

Sáb, 25/03/2017 - 13:00
Valentín García acompaña a Xosé Vizoso no seu nomeamento como fillo predilecto de Mondoñedo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá ao Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo para participar na homenaxe que esta vila lle rende ao que, desde hoxe, é o seu fillo predilecto: o artista e deseñador Xosé Vizoso.

García Gómez subliñou que, “coa declaración de fillo predilecto, Mondoñedo honra a Xosé Vizoso, mais xa Xosé Vizoso honrara antes a súa vila natal ao crear unha obra tan comprometida con Galicia que a cultura galega da segunda metade do século XX non se pode entender sen a  súa achega, especialmente a través de Sargadelos e de Edicións do Castro”.

A canda o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, interviñeron no acto de homenaxe María Elena Candia López, alcaldesa de Mondoñedo; Pilar García Porto, deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo; Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Juan Puchades, escultor e primeiro profesor de debuxo do homenaxeado e mais o propio Xosé Vizoso.

Homenaxe colectiva

A homenaxe a Xosé Vizoso organizárona a Asociación As San Lucas e o Colectivo Mondoñedo É... coa colaboración co Concello de Mondoñedo e coa Deputación Provincial de Lugo e, no seu decurso, a alcaldesa da vila entregoulle ao artista a medalla e o diploma correspondentes polo seu nomeamento como Fillo Predilecto de Mondoñedo e presentouse o libro “Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo”, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo e no que colaboraron case un cento de persoas.

O acto de homenaxe estivo conducido polo dinamizador cultural Fran Bouso e amenizado polo coro Mestre Pacheco. Foi seguido dun xantar de confraternidade ao que acudiron máis de 200 persoas.

Sinal de identidade de Galicia

Xosé Vizoso é muralista, cartelista, escenógrafo, escultor, ilustrador e un dos deseñadores máis representativos de Sargadelos dende a súa incorporación, da man de Isaac Díaz Pardo, a esta empresa industrial, artística e cultural que constitúe un dos sinais de identidade da Galicia da segunda metade do século XX.

Nacido en Mondoñedo en 1950, tivo como mestres a Juan Puchades, Luís Seoane e o propio Isaac Díaz Pardo. En 1968, tras superar unha convocatoria para deseñadores, foi contratado en Cerámicas do Castro, de onde pasou á nova fábrica de Sargadelos, en Cervo, cando esta se inaugurou en 1970. Alí exerceu como máximo responsable do departamento de deseño durante case corenta anos. Rematou a súa vida laboral no Instituto Galego de Información (IGI), onde traballou pola recuperación da memoria histórica, económica e cultural de Galicia. Desde 1992, reside en Brión (A Coruña).

Ademais do seu labor vencellado a Sargadelos, cómpre destacar outras dúas facetas: a de cartelista -con máis de 130 obras destinadas a promover As San Lucas de Mondoñedo ou a Romaxe de Santa Minia de Brión, entroutros eventos- e a de ilustrador de máis de 60 títulos editados por Edicións do Castro, Editorial Celta e outras.

É membro do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas e ilustrador de varias obras do autor de Gres, recibiu en 2013 o premio Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal polo seu alto grao de compromiso e defensa da lingua galega e a Federación de Entidades Galegas de Cataluña acaba de concederlle o Premio Alecrín na súa edición 2017.

Menús News node R