Educación impulsa e amplía os proxectos de investigación sobre a lingua e a cultura galegas que desenvolve o Centro Ramón Piñeiro

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a consellería convocará seis bolsas dirixidas a licenciados e licenciadas para colaborar en diversas liñas de estudo deste centro de investigación
Xov, 17/03/2011 - 16:20

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocará seis bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A convocatoria destas bolsas, que foi aprobada hoxe no Consello da Xunta de Galicia, está dirixidas nomeadamente a licenciados e licenciadas nas titulacións de ciencias políticas e da administración, historia, documentación, tradución e interpretación e filoloxía. Ademais, os aspirantes deberán acreditar posuír os requisitos específicos para cada proxecto, que nesta convocatoria son Dimensións da identidade colectiva de Galicia, Catalogación dos fondos bibliográficos do centro Ramón Piñeiro, Terminoloxía científico-técnica, Informes de Literatura, Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos e Lírica profana galegoportuguesa.

Para a selección dos bolseiros tamén se terá en conta o expediente académico, así como o currículo do solicitante, a experiencia en proxectos de investigación similares e mais a realización dunha entrevista persoal.

Impulsar a investigación sobre lingua galega

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a función de promover a formación e capacitación de universitarios tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas relacionados coa lingua e a cultura galegas.

Neste marco de actuación sitúase a oferta destas bolsas de colaboración, así como tamén a convocatoria de bolsas de estadías dirixidas a investigadores de procedencia internacional. En 2010, un total de 13 investigadores e investigadoras procedentes de universidades de Barcelona, Zaragoza, Cuba, Brasil, Marrocos, Portugal, México, Rusia e Irlanda gozaron dunha bolsa de estadía titorada por persoal do centro e cos cales colaboraron tamén os bolseiros e bolseiras dos diferentes proxectos.