‘A galiña azul’ do ‘FalaRedes’ fai parada no Barco de Valdeorras, en Carral e en Oleiros
A proposta réndelle tributo a Carlos Casares cunha adaptación teatral da coñecida obra do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas
Ubú Teatro leva aos escenarios unha peza pensada para dinamizar a lingua galega entre familias con nenos e nenas dos 6 aos 10 anos
A entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos
Xov, 16/03/2017 - 14:12

Os concellos do Barco de Valdeorras, Carral e Oleiros acollerán esta fin de semana as actividades do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A actividade ‘A galiña azul’, unha adaptación que a compañía Ubú Teatro fai do emblemático libro de Carlos Casares, será a actividade protagonista nas tres localidades. A primeira parada será na capital da comarca de Valdeorras mañá, venres, ás 20:00 horas, no Teatro Lauro Olmo do Barco. O sábado a función poderá gozarse, ás 18:00 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio (Carral); e o domingo, ás 12:00 horas, no Centro Cultural A Fábrica, en Oleiros.

A primeira actividade deste ‘FalaRedes 2017’ quere ser tamén unha homenaxe ao autor a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas: Carlos Casares. A adaptación teatral do libro ‘A galiña azul’ está pensada para o público entre os 6 e os 10 anos e as súas familias. A obra, publicada por vez primeira en 1968, é un libro de referencia na historia da literatura infantil galega. Contén cinco historias entrelazadas que transmiten valores tan importantes como o respecto pola diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown. Cada familia asistente recibe, ao final da actividade, un exemplar do libro ‘A galiña azul’, nunha edición especial para a RDL.

Baixo xestión da Editorial Galaxia, esta actividade do ‘FalaRedes’ poderase gozar esta primavera, en exclusiva, en 21 concellos galegos. Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

A vindeira semana: Monforte de Lemos, Teo, Xinzo de Limia e Monterroso

A programación do ‘FalaRedes’ seguirá a próxima semana desde o venres 24, viaxando ata Monforte de Lemos, onde Ubú Teatro representará ‘A galiña azul’ na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro (ás 18:00 horas). Un día despois, sábado 25, será o escenario do Auditorio Constante Liste da Ramallosa o que acollerá a obra (ás 18:00 horas).

E o domingo 26 haberá cita dobre. Pola mañá en terras de Ourense, serán as familias de Xinzo de Limia as que reciban a visita, no salón de actos da Casa da Cultura (ás 12:00 horas). E xa pola tarde, viaxará á provincia de Lugo para facer parada en Monterroso e subir ao escenario do Espazo Cultural Lorenzo Varela (ás 18:00 horas).

FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.