A Consellería de Educación propón ás universidades colaborar no ‘Practicum’ de maxisterio

Hoxe reuniuse o grupo de traballo entre as tres universidades e o departamento de ensino da Xunta para analizar as competencias profesionais docentes

Xov, 23/02/2017 - 19:16
A Consellería de Educación propón ás universidades colaborar no ‘Practicum’ de maxisterio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta tarde a reunión do grupo de traballo constituído con representantes das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas para analizar as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexionar sobre as que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira.

No marco deste encontro os representantes do departamento educativo da Xunta de Galicia expresaron aos das universidades a conveniencia de que a Consellería participe de forma activa no momento que constitúe o salto entre a formación inicial e a permanente dos docentes, é dicir, no ‘Practicum’; no sentido de que se acorde entre ambas as partes un protocolo para a xestión e realización das fases de prácticas dos estudos de grao e máster no ámbito educativo.

Coa aprobación deste protocolo de prácticas educativas contaríase cun marco de traballo actualizado e máis efectivo e eficaz para todo o alumnado, con independencia do centro ou centros onde realice as súas prácticas ao longo da súa formación inicial. Ao mesmo tempo facilitaríase o labor e recoñecemento do profesorado titor, tanto das universidades como dos propios centros educativos.

Comunidade de aprendizaxe

Así mesmo, ao abeiro da primeira diagnose realizada, abordouse a necesidade de manter un diálogo constante entre as universidades e a rede de formación permanente do profesorado, creando unha verdadeira comunidade da aprendizaxe. O obxectivo é enriquecer a abordaxe e concreción das competencias profesionais docentes nos plans de estudos universitarios, de xeito que, mediante a construción dun marco común, se avance no axuste da formación do profesorado ao longo de toda a súa carreira, tanto desde o inicio como nas distintas fases, ás demandas dos sistemas educativos do século XXI. Isto nace da constatación de que nin a formación permanente do profesorado pode permanecer allea aos avances en investigación e coñecemento que pode aportar a universidade no ámbito das ciencias da educación, nin a universidade pode ofrecer unha formación de calidade para os futuros profesionais sen dispoñer das evidencias que aporta o coñecemento da realidade da demanda da formación permanente do profesorado.

Ademais, proponse difundir de forma conxunta a investigación e boas prácticas en materia de formación do profesorado, co fin de que redunde en beneficio de toda a devandita comunidade de aprendizaxe.

Así mesmo, e tras analizar as demandas de formación permanente do profesorado, a Consellería conclúe que é necesario incluír na formación inicial coñecementos relevantes para a práctica na xestión de organizacións educativas tanto a nivel de aula como de centro e mesmo de sistemas educativos.

Grupo permanente

Tras o encontro de hoxe, o grupo de traballo volverá reunirse para continuar analizando e debatendo as propostas presentadas e dar pasos concretos que redunden nunha mellora progresiva da función docente como o piar fundamental da calidade do ensino. Cómpre salientar que esta iniciativa de crear un grupo de traballo permanente é pioneira no que atinxe ao tratamento das necesidades de formación do profesorado desde a Administración educativa e desde as facultades de forma colaborativa.

O obxectivo é identificar as competencias necesarias para garantir que un profesional docente teña a capacidade necesaria para acceder a dita profesión, para desenvolvela en plenitude para seguir avanzando na súa mellora dun xeito continuado.

Forman parte do grupo de traballo os decanos das facultades de Ciencias das Educación das tres universidades galegas e, por parte da Consellería, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila; o subdirector xeral de Recursos Humanos, José Luis Canosa; a xefa do servizo de Formación do profesorado, Fátima García Doval, e o director do Centro Autonómico de Formación e Innovación, Ángel Rodríguez.