Educación premia sete centros polos seus proxectos propios de formación do profesorado

O conselleiro Román Rodríguez loou a creatividade, a renovación e a temática dos itinerarios “á carta” deseñados polos docentes destes colexios e institutos, e que van servir de referencia para o conxunto da comunidade educativa

Os galardoados son o CRA Ponte da Pedra (Carballo), o IES da Pobra do Caramiñal, o CPI As Mirandas (Ares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), e o CEIP Xosé Fernández López e o IES Pino Manso (ambos no Porriño)

Ven, 27/01/2017 - 12:15
Educación premia sete centros polos seus proxectos propios de formación do profesorado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de galardoar sete centros escolares polos seus proxectos de formación do profesorado, que foron deseñados e implantados polos propios docentes no pasado curso. Trátase do CRA Ponte da Pedra (Carballo), do IES da Pobra do Caramiñal, o CPI As Mirandas (Ares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), e os CEIP Xosé Fernández López e IES Pino Manso (ambos do Porriño).

Na súa intervención o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destacou que a formación do profesorado é “un dos puntos cardinais da ensinanza” e xoga “un papel central” na calidade e na equidade do sistema. No caso de Galicia a formación dos docentes é unha das “fortalezas” do noso sistema educativo, sobre todo, –abondou o conselleiro–, pola aposta do Goberno galego “por manter e impulsar o papel da aprendizaxe permanente nos anos máis duros da crise”.

Román Rodríguez lembrou que tanto os datos reflectidos no ultimo informe PISA, que sitúan a Galicia nun lugar destacado no conxunto dos sistemas educativos, como a redución en máis de dez puntos da taxa de abandono educativo temperá –ata o 15,2%− non son froito da casualidade, senón do traballo dos profesores, dos equipos directivos e das familias.

Modelos referenciais a seguir

En referencia aos premiados, o conselleiro loou o traballo levado a cabo polos docentes dos sete centros presentes por deseñar “itinerarios á carta” en función do seu proxecto educativo e necesidades, convertendo aos centros “en organizacións capaces de aprender, crear e transferir coñecemento”. Segundo dixo, os traballos galardoados son “un modelo a seguir” e un “referente” para toda a comunidade educativa, pola súa creatividade e renovación, así como polas temáticas tan diversas como a intelixencia emocional, o fomento da convivencia, a aprendizaxe cooperativa, entre outras.

A través da Rede de Formación do Profesorado impulsada pola Consellería, o ano pasado organizáronse máis de 2.200 actividades formativas, cunha participación de máis de 20.000 docentes (o 60% do total); e a día de hoxe catro de cada dez centros escolares contan cun plan de formación propio. Actos coma o do hoxe teñen como obxectivo dar visibilidade ás boas prácticas docentes e fomentar a incorporación de máis centros a este tipo de proxectos que incorporan nova formas de pensar e novas ferramentas metodolóxicas, o que ten unha repercusión directa na mellora dos resultados docentes e da calidade educativa.

Descrición dos proxectos galardoados

O Centro Rural Agrupado, CRA, de Carballo (na Coruña) resultou galardoado como centro piloto nun proxecto de Educación Responsable que busca dar resposta ás necesidades formativas no eido da intelixencia emocional na aula e o fomento dos valores universais da convivencia. O proxecto involucrou a todo o claustro e ao equipo directivo do CRA, e mesmo contou coa participación das familias.

Baixo o título “Comer e contar todo é empezar”, o IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña) levou a cabo un traballo interdisciplinar e coordinado por varios departamentos para afondar no traballo por competencias, estruturando secuencias que guían as actividades e elaboran produtos concretos para comunicar o aprendido por parte dos alumnos.

No CPI As Mirandas, en Ares (A Coruña), o centro de traballo foi a biblioteca escolar, que serviu de vehículo para que os docentes incorporaran novas metodoloxías de traballo cooperativo e ensino, adaptadas aos niveis educativos deste centro.

Na provincia de Lugo resultou galardoado o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), por un proxecto de desenvolvemento de competencias clave, en liña co establecido na Lomce. Neste senso, a formación do profesorado centrouse na aprendizaxe por proxectos, a gamificación, o Flipped classroom e o Mobile Learning.

Na provincia de Pontevedra foron tres os proxectos escollidos, entre eles o CEP Antonio Magariños Pastoriza (en Cambados), polo labor desenvolvido sobre Educación Emocional e Educación Responsable, das Fundacións Botín e Barrié en colaboración coa Consellería; e no que participou a totalidade do profesorado do colexio.

O IES Pino Manso (en O Porriño), foi galardoado por un proxecto de inclusión do alumnado con metodoloxías activas e recursos TICs. Desde 2010 os profesores deste centro estanse formando na Aprendizaxe Cooperativa, procurando a integración das TIC na práctica educativa, e tendo en conta a atención á diversidade e os cambios metodolóxicos.

Tamén no Porriño foi premiado o CEIP Xosé Fernández López, cun proxecto centrado na expresión plástica, que busca a motivación do alumnado desde infantil a primaria. Ademais, este centro acadou unha mención especial polo seu xeito de abordar as competencias profesionais docentes como modo para acadar a excelencia, o éxito escolar e a mellora educativa en xeral.