A Consellería de Educación participa no acto inaugural do Curso de Hidroloxía Médica da USC

O secretario xeral de Universidades asistiu á primeira xornada desta actividade

Lun, 28/02/2011 - 19:43

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, representou hoxe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no acto inaugural do Curso de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela. A actividade celébrase despois de que o pasado 1 de marzo de 2010 o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, inaugurara a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

Durante o acto o secretario xeral de Universidades lembrou a importancia das Cátedras Institucionais, cuxa aparición nas universidades españolas “pon de manifesto a vontade das universidades por ensamblar a sociedade coa formación”, dixo.

Así Díez de Castro destacou que “as cátedras institucionais son un esforzo conxunto entre unha institución e unha universidade, co fin de achegar a realidade empresarial e o ámbito social ao mundo da universidade e viceversa”. 2Con elas- engadiu- preténdese crear un espazo académico que permita identificar, xerar e difundir coñecemento arredor dunha área de interese común, así como crear grupos multidisciplinares enfocados á formación e ao desenvolvemento de proxectos e actividades na área de interese”.

Neste sentido o secretario xeral de Universidades valorou o curso hoxe inaugurado como ferramenta para difundir a iniciativa empresarial e o espírito emprendedor arredor da hidroloxía médica, así como para  complementar a investigación e formación académica universitaria a través da formación práctica, espertando ao tempo as inquietudes empresariais no alumnado.

Tanto o curso como a cátedra de Hidroloxía Médica constitúen un importante avance e estímulo para o sector do termalismo, que conta con recoñecidas aplicacións no eido da Medicina e do tratamento de diversas patoloxías. Cómpre lembrar ademais a importancia da colaboración na constitución da devandita cátedra entre a Asociación de Balnearios de Galicia e a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, xa que o termalismo de Galicia encóntrase a cabeza de España pola diversidade da súa oferta e os servizos que ofrece