Educación e a Federación Autismo Galicia colaboran na atención ao alumnado con TEA
Mér, 21/12/2016 - 11:09

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Autismo Galicia veñen de reforzar a súa colaboración no que atinxe a atención educativa do alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Así quedou reflectido nun convenio que asinaron hoxe o conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente da mencionada entidade, Antonio de la Iglesia, co principal obxectivo de deseñar unhas liñas de acción específicas para mellorar a atención aos escolares con autismo.

Precisamente unha das liñas que impulsará a Consellería ao abeiro deste acordo é a mellora da formación permanente do profesorado no ámbito do autismo, para o cal a Federación Autismo Galicia ofrecerá a súa colaboración. Así mesmo, levaranse a cabo iniciativas que contribúan á sensibilización e á difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con TEA.

Pola súa banda, sempre de acordo e baixo a supervisión dos propios centros escolares, os profesionais desta Federación poderán prestar asesoramento na atención educativa a este alumnado no propio centro, aos docentes e ás súas familias; e colaborarán na orientación sobre metodoloxías máis axeitadas nestes casos.

Este acordo engádese ao conxunto de colaboracións que a Consellería de Cultura e Educación mantén con distintos organismos e entidades co fin de mellorar a atención ao alumnado con algún tipo de discapacidade e garantir unha atención educativa inclusiva e integral que dea resposta axeitada ás necesidades específicas de cada alumno.

Precisamente, o sistema educativo galego conta desde o pasado mes de marzo co primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo, no cal se recolle que as entidades sen ánimo de lucro relacionadas co TEA, xunto coas familias, son un dos piares fundamentais para a intervención educativa. De aí que se promova a colaboración e coordinación entre todos os axentes implicados no desenvolvemento persoal, académico e emocional do estudante.