O conselleiro de Educación visitou o colexio Xosé Luís Taboada, de Carballedo

Xesús Vázquez Abad coñeceu de primeira man as actividades educativas cotiás deste centro

Mar, 15/02/2011 - 14:10
O conselleiro de Educación visitou o colexio Xosé Luís Taboada, de Carballedo
O conselleiro de Educación visitou o colexio Xosé Luís Taboada, de Carballedo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, coñeceu hoxe en primeira persoa as actividades que desenvolven a diario a comunidade educativa do colexio Xosé Luís Taboada, en Carballedo. Así, Vázquez Abad continúa co seu percorrido polos centros de ensino galegos, nos que se achega ás necesidades específicas de cada un deles, co fin de poder darlles unha axeitada resposta. Ademais, o conselleiro visitou o Concello, respondendo á invitación do alcalde, Julio Manuel Yebra.

Ademais, o conselleiro puido comprobar como se están a poñer en práctica neste colexio os diversos programas educativos innovadores da Consellería de Educación, como as iniciativas de fomento da lectura entre o alumnado.

Nestas visitas Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; polo xefe territorial da Consellería de Educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo; polo alcalde do municipio; e polas comunidades educativas dos tres colexios.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou a primeira hora da mañá o CEIP Xosé Luís Taboada, en Carballedo, no que estudan 75 alumnas e alumnos de educación infantil e primaria. Vázquez Abad lembrou o compromiso da Consellería con este centro, ao que se destinou en 2010 unha partida de máis de 8.000 euros, co fin de reformar a súa instalación eléctrica.

Investimentos en Terra de Lemos e Chantada

A Consellería de Educación vén prestando o seu apoio á comunidade educativa de Chantada e Terra de Lemos, a través de inversións que superaron no 2010 os 984.000 euros en equipamento e melloras dos seus centros educativos.

Así, destacan as achegas, de máis de 761.0022 euros, destinadas a reformas e remodelacións dos CEIPS Monforte e a Gándara, e dos IES Río Cabe e A Pinguela, todos eles en Monforte de Lemos. Estes investimentos destináronse a traballos no comedor do CEIP Monforte, reforma da instalación eléctrica do IES Río Cabe, ou remodelación dos aseos do colexio A Gándara, entre outros.

Ademais a Consellería realizou importantes investimentos no 2010 destinados aos proxectos de diversas melloras nos CEIPs Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla de Chantada; ás melloras nas instalacións deportivas do CEIP Monte Baliño, en Pantón; e ao acondicionamento do patio de Educación Infantil do CPI Doutor López Suárez, no Saviñao.

O Proxecto ABALAR, de integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no ensino, ten tamén unha forte presenza nesta zona. Así, forman parte desta iniciativa os CEIP Monforte, e A Gándara, de Monforte de Lemos; Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo, de Chantada; o CPI Doutor López Suárez, do Saviñao; e os IES A Pinguela, Río Cabe e Francisco Daviña Rey, en Monforte; e Lama das Quendas e Val do Asma, de Chantada.