A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o concurso-exposición Letras Galegas 2017

O certame persegue implicar a comunidade educativa na celebración do 17 de maio e potenciar o coñecemento do autor homenaxeado nesa data, da situación sociolingüística do seu tempo e da época histórica que lle tocou vivir

Por primeira vez, o profesorado gañador recibirá certificación de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado

O prazo para a presentación de traballos remata o día 22 de xaneiro de 2017

Sáb, 22/10/2016 - 12:00

O Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/20227 ) publicaron esta semana unha nova convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas, que cada ano se leva adiante co obxectivo de potenciar o coñecemento do autor homenaxeado o 17 de maio, da situación sociolingüística que lle tocou vivir e, en xeral, da súa época histórica. Os centros educativos participantes neste certame da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria terán prazo ata o 22 de xaneiro de 2017 para entregaren unha exposición que recolla estes aspectos da obra de Carlos Casares Mouriño, a quen a Real Academia Galega distingue coas Letras Galegas do próximo ano.

As exposicións gañadoras difundiranse no Portal da Lingua Galega (http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0044/concurso-exposicion-letras-galegas-2017 ) e serán distribuídas por máis de 2000 puntos de interese: centros educativos, lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos, entidades da Rede de dinamización lingüística, centros da emigración ou bibliotecas, entre outras. Os colexios e institutos participantes na súa elaboración recibirán un premio en metálico por importe de 2000 € e, por primeira vez, o profesorado obterá un certificado de premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado, ou 30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto gañador.

Destinatarios da convocatoria

A convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 está dirixida a todos os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería, que poderán concursar na categoría que lles corresponda entre as dúas que se establecen: categoría A para infantil e primaria e categoría B para educación secundaria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais. Os centros educativos en que se imparta infantil, primaria e secundaria poderán concursar en ambas as categorías.

Os colexios e institutos deberán formar equipos integrados por un máximo de 10 docentes de diferentes áreas que colaboren activamente e fomenten a participación do alumnado na elaboración do traballo.

Características das exposicións

As exposicións que se presenten ao certame deberán constar de 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 cm acompañados dunha guía con actividades que orienten a observación da mostra e fomenten o labor de investigación do alumnado. A técnica que se empregue nos devanditos carteis será libre e estes poderán ser presentados a cor.

Menús News node R