O secretario xeral de Política Lingüística inaugura a xornada ‘A responsabilidade social corporativa en galego’

Valentín García incide no “beneficio para as empresas de incorporaren accións de promoción do uso social do galego á súa actividade”

O encontro organízao o Consello da Cultura Galega en colaboración coa Xunta e mais coa Fundación Galicia Empresa

Mar, 18/10/2016 - 11:11
O secretario xeral de Política Lingüística inaugura a xornada ‘A responsabilidade social corporativa en galego’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na sede do Consello da Cultura Galega no acto inaugural da xornada ‘A responsabilidade social corporativa en galego’, un encontro que oganiza esta entidade coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais coa Fundación Galicia Empresa.

García Gómez incidiu durante a súa intervención “na importancia de crear conciencia de que o emprego do galego favorece os resultados empresariais, e do beneficio para as empresas de incorporaren accións de promoción do uso social do galego á súa actividade” xa que, segundo apuntou o secretario xeral, “visibiliza, afianza e exemplifica un compromiso firme co desenvolvemento cultural e lingüístico dos seus grupos de interese e, en definitiva, co país en que están radicados e no que desenvolven a súa ocupación”.

 

“O novo Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, aprobado na pasada lexislatura para impulsar por primeira vez as directrices estipuladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística neste ámbito, -sinalou- aborda precisamente esta incorporación da lingua á RSC como un dos obxectivos especifícos desde os que aumentar e reforzar a presenza do idioma propio de Galicia na economía. E non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos”, concluíu.

Tamén participaron na presentación Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; e Juan Manuel Sánchez-Padrós, presidente da Fundación Galicia Empresa.  A xornada desenvolverase ao longo do día con diferentes sesións de traballo que, ademais de analizar o papel da edocomunicación e a xestión no ámbito da comunicación e da cultura, se centrarán no marco existente, nas experiencias xa desenvolvidas, nas posibilidades que se poden explorar e, en definitiva, nunha reflexión que anime a considerar unha RSC dirixida á nosa cultura e á nosa lingua.

Menús News node R