'Para dar trela' propón un amplo repertorio de exercicios de aprendizaxe da fraseoloxía e paremioloxía

Valentín García presentou hoxe á tarde o novo volume editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O titular de Política Lingüística referiuse á importancia de, con este tipo de publicacións, asegurar a autenticidade e singularidade do idioma propio de Galicia

Mar, 11/10/2016 - 20:51

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou hoxe á tarde na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) o novo manual práctico de fraseoloxía galega ‘Para dar trela’, de M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández Carballido.

García Gómez reivindicou o ensino, divulgación e transmisión da fraseoloxía galega, pois esta “afecta a ese espazo do idioma que é máis característico, que marca dunha maneira especial a diferenza con outras linguas e que o liga particularmente á cultura da que xorde e que vehicula” ata o punto de que “a calidade da lingua que falamos depende moito do dominio que mostremos da súa fraseoloxía”.

No acto de presentación, o secretario xeral estivo acompañado polos autores, M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández Carballido; por Manuel González, coordinador científico do CRPIH; por María Isabel González Rey, directora do proxecto; e mais por Xesús Ferro Ruibal, académico da lingua galega e coordinador do volume.

Textos e actividades para aprender fraseoloxía

O novo manual práctico de fraseoloxía galega ‘Para dar trela’, que edita o CRPIH na súa colección Biblioteca Fraseolóxica e no marco do proxecto Fraseoloxía Galega, é obra de M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández. Conta coas ilustracións de Evaristo Corujo Martínez, Tito, e coa colaboración de Luis Davila, cuxas famosas viñetas se reproducen na sección ‘Para estar de humor’ de cada capítulo.

‘Para dar trela’ é un método de aprendizaxe de fraseoloxía e paremioloxía galegas que ofrece textos modelo e mais un amplo repertorio de exercicios e explicacións organizados seguindo unha clasificación temática e acompañados de ilustracións. No remate de cada unidade aparecen as locucións e fórmulas en formato de dicionario organizado ideoloxicamente e os refráns contextualizados. O método complétase cun solucionario e un glosario de ditos e mais outro de refráns ordenados pola palabra principal.

O manual está orientado a conseguir unha aprendizaxe autónoma, comprensiva e activa da fraseoloxía e da paremioloxía galegas que redunden nunha mellora da competencia comunicativa multilingüe e intercultural.

Proxecto Fraseoloxía Galega no CRPIH

O proxecto Fraseoloxía Galega, dirixido actualmente pola profesora María Isabel González Rey, desenvolve actividades encamiñadas a un triplo obxectivo: a construción dun Tesouro Fraseolóxico Galego, o impulso dos estudos fraseolóxicos e fraseográficos en Galicia e a tradución ao galego de obras de referencia da fraseoloxía internacional.

O CRPIH da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten como fins promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade centra as súas liñas de investigación, ademais de nos estudos de fraseoloxía, en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, en estudos de prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva, entre outros.

Menús News node R