A Consellería de Educación e os ministerios de Industria e Educación fomentan o desenvolvemento de servizos e contidos dixitais educativos

O convenio, enmarcado dentro do Programa Escola 2.0, e ligado aos obxectivos do desenvolvemento de Servizos Públicos Dixitais contemplados no Plan Avanza2, prevé un investimento máxima de 2.975.734 euros para 2011, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Xov, 10/02/2011 - 12:16

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Entidade Pública Empresarial red.es, e o Ministerio de Educación asinaron un convenio de colaboración, denominado Educación en Rede, enmarcado dentro do Programa Escola 2.0 para o desenvolvemento de servizos públicos dixitais no ámbito educativo.

A firma deste documento trilateral considera o desenvolvemento de actuacións dentro do Programa Escola 2.0, que a propia Consellería de Educación xa incorporou no seu Proxecto Abalar, e do eixe de actuación de Servizos Públicos Dixitais en Educación do Plan Avanza 2. Reducir a brecha dixital na comunidade educativa, fomentar o desenvolvemento de proxectos de implantación das TIC, deseñar novos modelos de negocio para impulsar o desenvolvemento da industria española tecnolóxica-educativa ou impulsar o uso eficaz das infraestruturas, aplicacións, contidos educativos e de capacitación, son algúns dos principios nos que se basean as actuacións do acordo.

O convenio prevé un investimento máximo de 2.975.734 euros para 2011, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Desta cantidade 1.487.867 euros achegaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Galicia, 1.041.507 euros poñeraos o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e 446.360 euros o Ministerio de Educación.

Entre as accións contempladas encóntranse a dinamización, difusión e capacitación no uso de ferramentas TIC da comunidade educativa de Galicia, a instalación de aulas dixitais en centros educativos públicos, a dotación de infraestruturas específicas para zonas rurais e o reforzo de infraestruturas tecnolóxicas nos centros. Estas iniciativas contribuirán a aumentar o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais do ámbito educativo galego.

Aulas dixitais

No ámbito de infraestruturas, o convenio prevé a dotación de equipamento específico nos centros de titularidade pública de Galicia onde haxa alumnos escolarizados dende 5º de Primaria ata 2º diso. Principalmente dotarase ás aulas de lousa dixital interactiva, video proxector e ordenador con conexión a Internet. Ao mesmo tempo están previstas accións de capacitación de docentes co obxectivo de fomentar a utilización da dotación posta á súa disposición e aumentar a confianza na tecnoloxía e no uso de Internet para conseguir incorporar as TIC de xeito eficaz nos procesos de ensino-aprendizaxe.

Por outro lado, co obxectivo de unificar o equipamento de alumnos e profesores que traballen en aulas unitarias de centros rurais agrupados, poderanse realizar actuacións de equipamento de ordenadores persoais para todos os alumnos independentemente do curso ao que pertenzan.

Continua mellora na calidade do sistema educativo

Co obxectivo de incorporar as TIC na educación preuniversitaria, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Ministerio de Educación subscribiron en 2005 un convenio de colaboración, no marco do Plan Avanza, para a posta en marcha do programa Internet na Aula, que finalizou o pasado mes de decembro de 2009.

Tras comprobar os bos resultados obtidos con Internet na Aula, coa colaboración das Consellarías de Educación de todas as Comunidades Autónomas, ambos os dous ministerios e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia coinciden na necesidade de continuar, a través deste convenio, xuntando esforzos na incorporación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no ámbito educativo galego. Así en setembro de 2009 foi aprobado por Consello de Ministros o Programa Escola 2.0, unha iniciativa de innovación educativa que pretende poñer en marcha as aulas dixitais do século XXI no que se integran as actuacións postas en marcha dentro do convenio Educación en Rede.

Sobre o Proxecto Abalar

A Consellería de Eduación da Xunta de Galicia incorporou o Escola 2.0 no seu propio Proxecto Abalar, unha iniciativa na que se investiron o pasado ano preto de 13 millóns de euros e que reforzou notablemente os investimentos en formación e contidos, ademais de distribuír 14.500 ordenadores. O proxecto Abalar ten moi en conta as características propias da Comunidade Autónoma galega e as peculiaridades do seu ámbito educativo.

Sobre Plan Avanza 2

A Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2 pretende situar a España nunha posición de liderado no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados, contribuíndo ao éxito dun modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e rexional e a mellora do benestar e a calidade de vida dos cidadáns. 

Sobre FEDER

Este proxecto lévase a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste sentido, as actuacións levadas a cabo por Red.es céntranse en fomentar o desenvolvemento do ámbito produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información. Red.es é Organismo Intermedio nos Programas Operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos Programas Operativos Rexionais.

Sobre o Proxecto Escola 2.0

A integración das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na Educación é o principal obxectivo do Proxecto Escola 2.0 que está en funcionamento no noso país dende o ano 2009. Este programa inclúe a dotación de aulas dixitais do século XXI, con infraestrutura tecnolóxica e de conectividade uniforme, un ordenador portátil por alumno e profesor, recursos didácticos dixitais e unha formación do profesorado específica. Dende a súa posta en marcha que entrará en funcionamento xa dotáronse máis de 27.000 aulas, ao redor de 140.000 profesores recibiron a formación especializada en novas tecnoloxías, e máis de 600.000 alumnos dispoñen dun ordenador portátil para realizar as súas tarefas académicas.