Educación colabora coas universidades galegas na planificación e coordinación da política lingüística universitaria de Galicia

A consellería de Xesús Vázquez adhírese á Comisión Universitaria de Política Lingüística, que busca ampliar a presenza do galego neste espazo académico

Mar, 08/02/2011 - 18:19
Anxo Lorenzo, cos representantes da Universidade de Santiago de Compostela
Anxo Lorenzo, cos representantes da Universidade de Santiago de Compostela

Contribuír coa política lingüística universitaria en Galicia para favorecer a presenza do galego neste espazo académico. Este é o principal obxectivo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa súa incorporación á Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Secretaría Xeral de Universidades, a Consellería de Educación vén de adherirse ao convenio de colaboración subscrito entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a creación da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, un órgano de impulso e coordinación do proceso de normalización lingüística neste ámbito de ensino superior. Esta iniciativa responde ao interese da consellería por favorecer unha mellor coordinación da actuación dos poderes públicos competentes no ámbito da política universitaria de normalización lingüística.

Definir as liñas de acción para favorecer o uso do galego no ámbito universitario

A comisión ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega no proceso de normalización lingüística. A súa creación, que tivo lugar en 2009, entronca cunha das medidas que recolle, para a área do ensino, o Plan xeral de normalización da lingua galega e que propón a creación dunha “comisión estable, coa participación da Xunta de Galicia e das universidades”, que se encargue de planificar e coordinar a política lingüística universitaria en Galicia.

Acordos coas tres universidades galegas para a promoción do uso do galego

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse hoxe cos responsables da política lingüística das universidades da Coruña, de Vigo e de Santiago de Compostela, co fin de definir o marco de colaboración para a promoción do uso do galego en 2011 con cada unha das institucións.

Aos encontros asistiron, da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria, e Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística. Da Universidade da Coruña participaron a directora do Servizo de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral da universidade, Carlos Amoedo. Finalmente, Anxo Lorenzo mantivo unha xuntanza co vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco  González, e co director do Servizo de Normalización Lingüística da Manuel C. Núñez Singala.

Ao abeiro destes convenios de colaboración, as tres universidades desenvolven anualmente unha ampla actividade formativa, así como unha constante actuación dinamizadora emprendida desde os servizos lingüísticos das tres institucións, que inclúe  campañas de promoción do uso do galego, a edición de materiais, a organización de ciclos e conferencias e a convocatoria de premios e concursos para a extensión do idioma, entre outras iniciativas.

O diálogo permanente e os acordos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística establece anualmente coas tres universidades pretenden favorecer a presenza do galego en todos os planos da vida universitaria e, ao mesmo tempo, contribuír a dotar o idioma dun maior prestixio social desde o espazo académico.

 
 

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo