O CFR ferrolán e catro centros educativos das comarcas de Ferrol e o Eume participan nun proxecto europeo para o desenvolvemento das competencias STEM
Farase fincapé na promoción destas materias entre as mozas
Sáb, 24/09/2016 - 12:00

Catro centros educativos das comarcas de Ferrol e O Eume participan desde este ano ata 2019 no proxecto europeo ‘Raising Achievement Together- a vision for European schools’, enmarcados no Erasmus+. O obxectivo desta iniciativa é desenvolver as competencias STEM ( en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas) no alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e FP; facendo fincapé nas mozas dado que, segundo os datos da Unión Europea, son menos propensas a elixir este tipo de materias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa neste proxecto xunto co Centro de Formación e Recursos de Ferrol, o IES As Telleiras (Narón),  o CPI de Atios (Valdoviño), o IES de Fene e o IES Fraga do Eume (Pontedeume). Ademais son organizacións asociadas a Thornhill Primary School, a Cadoxton Primary School e The Bishop of Llandaff Church-in-Wales High School (as tres da cidade galesa de Cardiff); a Miasto Stoleczne Warszawa, o Warszawskie Centrum Innowacji Edukacyjno-Spolecznych i Szkolen, a Szkola Podstawowa z Oddzialami Integracyjnymi Nr 280  e o Gimnazjum nr 49 z Oddzialami Dwujezycznymi im. S. Starzynskiego (estes catro últimos de Varsovia, Polonia).

Innovación e motivación

A iniciativa procura conseguir diferentes impactos, como o aumento da calidade do ensino nestas áreas, empregando enfoques multi e interdisciplinarios, materiais innovadores,  e fomentando a relación transversal coas competencias sociais, interculturais e de linguaxe, o pensamento crítico e as habilidades dixitais. De forma paralela búscase un uso máis integrado e estratéxico das TIC na educación e motivar ao alumnado para a aprendizaxe de idiomas a través de métodos de ensino innovadores.

Todas as accións programaranse de tal forma que fomenten o traballo en equipo, sexan motivadoras e acaden a participación das familias e da comunidade educativa en xeral, co fin de implicar ao maior número posible de axentes.

Os proxectos galegos

O proxecto iniciará a súa andaina a mediados de novembro cunha sesión de compartición da información. Sobre ela desenvolveranse distintas accións en cada rexión, en función das diferentes comunidades educativas.

Deste xeito o IES As Telleiras desenvolverá Unidades Didácticas Integradas sobre a contaminación na ría de Ferrol, o que lles permitirá coñecer as tecnoloxías relacionadas con este tema, así como traballar con instituciónS e empresas. O proxecto potenciará o uso de ferramentas tecnolóxicas.

Pola súa parte o IES Fraga do Eume desenvolverá o proxecto arredor da organización do concurso de hostalería ‘Xosé Rodríguez-Moldes Rey’, no que participa alumnado de FP de varios centros, e para o que se colabora con institucións e empresas da contorna. Nesta nova experiencia propoñen mellorar os resultados a través de enlaces con centros europeos da mesma familia profesional.

No caso do IES de Fene a iniciativa desenvolverana os estudantes de FP Básica, creando unha cooperativa que trate de producir unha gama de produtos con saída comercial, en concreto uns invernadoiros que producirán a través do departamento de soldadura e coa axuda do departamento de frío.

Finalmente no CPI de Atios o proxecto cubrirá tanto a etapa de primaria como a de secundaria, a través da robótica, proxectos científicos interdisciplinarios ou da elaboración de unidades integradas de ensinanzas nas que os estudantes crearán produtos sociais relevantes.