Educación e as fundacións INGADA e María José Jove formarán a 200 docentes no tratamento do alumnado con TDAH

A Consellería e ambas entidades renovan a colaboración neste ámbito para formar ao profesorado de Primaria, Secundaria e Bacharelato
Mar, 20/09/2016 - 11:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA) colaborarán un ano máis na formación do profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Así queda recollido na addenda ao convenio que renovaron o departamento educativo da Xunta e as dúas entidades promotoras da iniciativa.

Tralo balance positivo desta experiencia iniciada hai dous anos, as tres institucións acordaron seguir ampliando este programa formativo co fin de dotar aos docentes do coñecemento necesario sobre este trastorno para facilitarlles a súa abordaxe nas aulas, favorecendo así tamén o desenvolvemento e integración dos nenos e nenas con esta problemática. De feito, si no curso 2014/15 participaron 187 profesores de 168 centros, no pasado curso 2015/16 a cifra subiu a 191 profesores de 179 colexios, o que amosa o interese crecente dos docentes para obter información neste ámbito.

Destinado a 200 docentes

Este terceiro curso formativo, que estará destinado a 200 docentes de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, impartirase durante o primeiro trimestre do actual curso académico e constará de 25 horas de formación (16 de formación teórica e 9 de práctica). Ademais, cada un dos asistentes deberá realizar un proxecto final, que será avaliado por un comité experto en TDAH e independente do equipo docente. A maiores, a Fundación María José Jove outorgará unha beca de 3.000 euros ao centro que mellor proxecto presente, en función da súa aplicación práctica no propio recinto escolar.

Tal e como queda reflectido no convenio, ambas as dúas fundacións encargaranse de organizar o curso de formación, mentres que a Consellería difundirá a actividade entre o profesorado. Así ºmesmo, ofrecerá o soporte técnico necesario para levala a cabo a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado. Ademais, este ano amplíase a oferta cun curso on line acreditado para aqueles profesores de centros educativos concertados que non poidan acceder á formación presencial.