A lingua galega viaxa esta semana por 28 concellos a través da música, da maxia e da banda deseñada de Bocaberta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística busca dinamizar o uso do galego entre os máis novos mediante as múltiples e variadas actividades deste programa

Lun, 31/01/2011 - 14:39
Bocaberta
A lingua galega viaxa esta semana por 28 concellos a través da música, da maxia e da banda deseñada de Bocaberta

Bocaberta, o programa de dinamización do galego que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística para rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, visitará nos próximos días 28 localidades das catro provincias galegas.

A semana empeza coa maxia como protagonista. Abrapalabra, o espectáculo no que o ilusionista Carlos Coira lles amosa os seus trucos aos máis pequenos para facelos gozar coa maxia das palabras, está hoxe en Santiso e en Toques. O martes visitará Antas de Ulla e Agolada e o mércores fará senllas paradas no Irixo e mais en Dozón. Tamén no mundo do ilusionismo se encadra a actividade Contos de maxia, unha proposta que visitará mañá Meaño, Tomiño o mércores, Sanxenxo o xoves e A Illa de Arousa o venres.

Os obradoiros de escritura, debuxo e radio tamén teñen cabida esta semana en Bocaberta a través de Palabras no ar, que estará hoxe e mañá en Caldas de Reis. Pola súa banda, a actividade Señor Mundo, dígame?, un recital de poesía e unha representación teatral que lles cede a palabra aos nenos e nenas para converterse en obradoiro de teatro, ten un amplo calendario para os próximos días. Mañá visitará os máis pequenos de Cambre, Culleredo e A Laracha; o xoves, os de Zas e Laxe; e o venres, os de Cariño, Cedeira e Valdoviño.

Banda deseñada en obradoiros e publicacións

A banda deseñada, e en concreto a que representa a actividade Galimatías, ten dúas citas o próximo venres. Dunha parte, Mondoñedo recibirá o obradoiro de creación de cómic impartido polo debuxante Fran Bueno; da outra, a revista Galimatías, que recolle o mellor da banda deseñada galega, sairá á rúa cun novo número xunto co diario El Correo Gallego.

Moito ritmo para a fin de semana

Como é habitual, a fin de semana chega repleta de música para todos os públicos. Os mozos e mozas dos 12 aos 18 anos terán desta vez tres ocasións para asistir a Detrás da canción, a proposta que combina obradoiros de música dixital caseira, impartidos por Projecto Mourente, e un concerto acústico do grupo de pop The Homens. Detrás da canción irá o venres a Santiago de Compostela, o sábado a Ribeira e o domingo a Negreira.

Tamén os máis pequenos terán o seu protagonismo na fin de semana musical. A actividade En clave de conto ten programado o obradoiro musical “Eu falo así” para o venres na Estrada e vestirase de longo o sábado para celebrar un novo concerto en Burela.

Os obradoiros infantís de música tradicional e xogos lingüísticos Canta música!, impartidos por Pablo Díaz de Olga Kirk, estarán, pola súa banda, en Moaña o venres e en Ourense o sábado.

Tamén para nenos e nenas está deseñado o musical Ola, ola, la! Interpretado polo grupo Mamá Cabra, esta actividade viaxará o sábado e o domingo ata Vigo. As entradas poderán  retirarse unha hora antes na billeteira do Auditorio Municipal.

Máis información na rede

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima aos mozos e mozas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade. Esta semana, as súas propostas farán parada en Santiso, Toques, Caldas de Reis, Antas de Ulla, Agolada, Cambre, Culleredo, A Laracha, Meaño, O Irixo, Dozón, Tomiño, Zas, Laxe, Sanxenxo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, A Estrada, Moaña, Cariño, Cedeira, Valdoviño, A Illa de Arousa, Ribeira, Vigo, Burela, Ourense e Negreira.

Para consultar toda a información sobre os horarios e localizacións das actividades, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, así como con canles nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Menús News node R