A Xunta desenvolve unha campaña informativa de promoción do ensino do galego no Bierzo e en Sanabria

O obxectivo é informar as familias destas dúas comarcas leonesas da oferta existente e das vantaxes de optar por ela

Máis de 11.000 alumnos e alumnas estudaron en galego nos últimos anos no marco do Programa de Promoción da Lingua Galega en Castela e León xurdido da colaboración entre os gobernos galego e castelán-leonés

Xov, 08/09/2016 - 19:16

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, incrementa nos días previos ao comezo do curso escolar a difusión dunha campaña para concienciar as familias das comarcas leonesas do Bierzo e de Sanabria das vantaxes do ensino bilingüe en galego e castelán e mais das posibilidades de optar polo que lles ofrece o sistema educativo na súa comunidade autónoma mercé á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

A campaña inclúe a distribución de folletos en que se citan os 18 centros educativos -13 de infantil e primaria, 4 de educación secundaria e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada- que participan no Programa de Promoción da Lingua Galega en Castela e León, así como as materias que deberán cursarse en galego no marco do dito programa, polo que levan pasado máis de 11.000 alumnos nos últimos anos. Explícase tamén onde informarse, como inscribirse e ofrécense algúns motivos para estudar en galego: obtención do certificado oficial Celga, aumento das posibilidades laborais, apertura ao mundo da lusofonía ou contribución á promoción do patrimonio lingüístico castelán e leonés.

Promoción da lingua en territorios leoneses galegofalantes

1079 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e escolas oficias de idiomas cursaron o pasado ano escolar a área de galego e materias en galego como lingua vehicular nas comarcas estremeiras do Bierzo e de Sanabria no marco do Programa de promoción da lingua galega froito da colaboración entre as consellerías de Educación das comunidades galega e castelá-leonesa.

A cooperación entre as dúas comunidades en materia lingüística comezou no ano 2001 e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre a Consellería de Educación e a Junta de Castilla y León. Por outra banda, en xaneiro de 2010, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera Campo, asinaron un novo Protocolo que abriu unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades. O documento, ademais de incluír cuestións de interese común como a educación, as infraestruturas, a sanidade ou o Xacobeo, ratifica o Protocolo xeral de colaboración vixente para a promoción do galego nos territorios de Castela e León en que se fala galego.

O alumnado dos centros participantes no Programa de promoción da lingua galega opta por recibir docencia co galego como lingua vehicular nas áreas de Linguaxes: comunicación e representación, en educación infantil; Ciencias sociais, Ciencias da natureza ou Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia en secundaria obrigatoria, así como a cursar as materias de Lingua e cultura galega na ESO e no bacharelato. Ao estudantado que finaliza o programa na ESO e no bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente. Na Escola de Idiomas de Ponferrada tamén é posible cursar os niveis Celga 1 a Celga 4.

Menús News node R