Educación e a Asociación Raiolas, de Lugo, colaboran na atención ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA)

A Consellería e a entidade levarán a cabo iniciativas conxuntas para atender ás necesidades específicas destes rapaces

Avanzar nunha escola máis inclusiva que dea unha resposta axeitada á diversidade dos alumnos é unha das liñas estratéxicas do departamento educativo do Goberno galego

Ven, 02/09/2016 - 16:14
Educación e a Asociación Raiolas, de Lugo, colaboran na atención ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA)

A Consellería de Cultura e Educación e maila Asociación Raiolas, de Lugo, van intensificar a súa colaboración co fin de mellorar a atención educativa ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Así quedou reflectido no convenio asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez e a presidenta de Raiolas, Mª Inés Flores, ao abeiro do cal se van poñer en marcha accións conxuntas dirixida a este colectivo.

Avanzar nun sistema educativo máis inclusivo, que dea unha resposta acaída á diversidade do alumnado, é unha das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura e Educación. Por este motivo, o departamento que dirixe Román Rodríguez vén colaborando con diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción educativa integral ás súas peculiaridades.

Ao abeiro deste acordo, a Asociación Raiolas colaborará coa Consellería nas accións de formación do profesorado que atende aos alumnos con TEA, así como na elaboración e difusión de materiais e documentos que axuden a un maior coñecemento das circunstancias específicas do alumnado con este Trastorno.

Así mesmo, a Consellería facilitará que os profesionais desta entidade colaboren cos centros docentes en labores de asesoramento tanto do profesorado coma das familias, na orientación sobre as metodoloxías máis axeitadas, e na posta a disposición de información complementaria que lles poida servir de axuda no día a día tanto a nivel escolar como familiar.