+Comunidade
Ven, 19/08/2016 - 10:54
[actualizado o 8/09/2017]

"Educar para a cultura da sustentabilidade, do coidado e da cooperación"

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
    • Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Ámbito: medio ambiente / igualdade / desenvolvemento
Definición: proxecto de intervención socioeducativa centrada no coñecemento, análise e actuación práctica, desde unha perspectiva cooperativa e de xénero, sobre as problemáticas socioambientais locais e a súa relación co contexto global, coa finalidade de xerar alternativas concretas de actuación entre o alumnado e o profesorado para a construción dunha cultura máis sostible.
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO e bacharelato
Límite de centros participantes: 2

Criterios de selección:

  1. Proximidade xeográfica entre os centros participantes
  2. Constitución dun grupo de traballo de igualdade no centro participante
  3. Priorizaranse os proxectos onde o profesorado imparta docencia co alumnado participante

Persoa responsable:

Nome: Lucía López Salorio
Departamento: Fundación InteRed en Galicia
Teléfono: 981 587 966
Correo electrónico: galicia@Intered.org

Xustificación

Durante as últimas décadas, e en especial durante os últimos anos, en Galicia e no mundo, estamos a vivir procesos acelerados de degradación dos espazos de convivencia, unha desconsideración e crise dos coidados como punto central da vida mesma, o desenvolvemento dun sentido individualista e consumista, e a carencia, cada vez máis significativa, de principios para organizar a vida dun xeito solidario, equitativo, empático e sustentable.

Nesta liña,  desde “+COMUNIDADE” facemos unha lectura da problemática ambiental, as relacións humanas e a convivencia que estamos a vivir na actual sociedade. Se ben outros programas educativos traballan a sustentabilidade ambiental e a equidade de xénero de forma illada, este programa une ambos aspectos coa finalidade de poñer a vida (e os aspectos que xeran e coidan a vida) no centro e mellorar a calidade da mesma desde unha perspectiva comunitaria. A proposta require afrontar a responsabilidade propia no medio e a posibilidade individual e colectiva de incidir no cambio.

A importancia educativa e social do programa  “+COMUNIDADE” xustifícase pola súa concentración en factores: pedagóxicos (formar e informar para concienciar e sensibilizar); éticos (educar en valores); de transformación persoal e comunitario (desenvolver a conciencia de responsabilidade, interdependencia e cooperación). É, en definitiva, unha oportunidade para dotarse de ferramentas e estratexias para incidir na contorna próxima e promover prácticas sociais e comunitarias que rebasen os límites do centro educativo e contribúan significativamente a unha transformación local cara unha cultura da sustentabilidade, do coidado e da cooperación, que en última instancia redunde directamente sobre o benestar persoal e social da propia comunidade.

Encádrase na campaña de InteRed a nivel Estatal denominada “A Revolución dos Coidados”, que pretende poñer a vida no centro dende unha perspectiva ecolóxica e de xénero, así como tamén se vincula aos resultados da investigación “Cultura da Sustentabilidade e cooperación ao desenvolvemento:  realidades e perspectivas educativas en Galicia e República Dominicana” (2014-2015) realizada polo Grupo SEPA da Universidade de Santiago de Compostela e  na que se abordaron os coñecementos, as prácticas e os compromisos asumidos polo alumnado e profesorado de centros educativos en Galicia e República Dominicana  en torno aos factores que configuran a cultura da sustentabilidade ambiental e social.

Obxectivo xeral

Proporcionar ao profesorado de secundaria estratexias e prácticas para o deseño e posta en marcha  de proxectos participativos e contextualizados que promovan a cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación das persoas e a natureza na contorna dos centros.

Os obxectivos do programa son os seguintes:

  • Cultivar o valor da cooperación e da interdependencia como principios e fundamento para a construción dunha cultura da sustentabilidade.
  • Visibilizar e poñer en valor as tarefas de coidados, fomentando o seu desenvolvemento coas persoas e contorno próximo para mellorar a vida
  • Promover o exercicio da responsabilidade en relación ao coidado das persoas e da natureza a nivel local e global.
  • Desenvolver coñecementos sobre os problemas socioambientais do entorno local e global
  • Xerar competencias e capacidades para facer fronte aos problemas socioambientais de carácter local e global.
  • Incidir na transformación da Comunidade Educativa a través dun proxecto innovador de aprendizaxe servizo que aborde as cuestións socioambientais e de coidados.

Palabras clave

Aprendizaxe e Servizo. Cooperación. Igualdade. Medio ambiente. Sustentabilidade.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Explorar o nivel de coñecemento dos estudantes sobre as problemáticas sociais e ambientais do seu contorno próximo.
  • Diagnosticar as problemáticas e necesidades da súa comunidade en materia de xénero e coidados.
  • Identificar as tarefas e ocupacións invisibles ou non valoradas, que serven para sustentar a vida, no seu contorno próximo.
  • Xerar competencias educativas para facer fronte aos problemas socioambientais.
  • Analizar os problemas socioambientais locais e a súa incidencia no entorno global, para propoñer alternativas dende o local.
  • Desenvolver accións de mellora para solucionar os problemas socioambientais identificados na súa contorna próxima.

PARA O PROFESORADO

  • Facilitar coñecementos ao profesorado en relación a cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación.
  • Achegar estratexias e recursos pedagóxicos e didácticos para comprender e transformar, de forma crítica, estilos de vida incoherentes con alternativas de sustentabilidade.
  • Desenvolver instrumentos e dinámicas de identificación de problemáticas socioambientais locais e analizar a súa incidencia no ámbito global.
  • Formar ao profesorado sobre a metodoloxía educativa da aprendizaxe-servizo.
  • Xerar procedementos metodolóxicos para o acompañamento das accións e tarefas que se promovan desde o centro no ámbito dos coidados e da cultura da sustentabilidade.
  • Facilitar estratexias de aprendizaxe cooperativas e en comunidade, a través da creación colectiva do coñecemento e a circulación de saberes entre os centros participantes.

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Promover e involucrar, en xeral, aos membros da comunidade local na construción dunha cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación.
  • Implicar á comunidade local na xeración e desenvolvemento de proxectos de innovación promovidos desde o centro educativo.

Metodoloxía recomendada

A metodoloxía de traballo do programa está baseada no Aprendizaxe-Servizo. Os proxectos de Aprendizaxe Servizo (ApS) son propostas educativas que integran o servizo á comunidade na aprendizaxe de contidos, competencias, habilidades e valores, de xeito que se funda o obxectivo pedagóxico co solidario. Esta experiencia educativa sirve para favorecer a cohesión social a partires da interrelación entre mozos/as dos centros involucrados e outros colectivos sociais presentes na contorna local.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

As etapas recomendadas para o desenvolvemento de cada proxecto nos centros participantes serán:

  • 1ª etapa: Presentación do proxecto
    • Presentación do programa nos centros educativos participantes identificando elementos que permitan matizar un desenvolvemento máis contextualizado.

  • 2ª etapa: Formación do profesorado
    • Participación e asistencia do profesorado na formación. Realizaranse dous períodos formativos, un na fase inicial (novembro-decembro) e outro na fase intermedia (marzo).
    • A formación será impartida preferentemente na modalidade de xornada, a primeira organizada para traballar contidos de reflexión e fundamentación teórica, a segunda para abordar técnicas práctica de intervención educativa no eido da cultura da sustentabilidade e o aprendizaxe servizo.

Os proxectos desenvolvidos polo persoal docente nos seus respectivos centros serán acompañados a través de titorías.

  • 3ª etapa: Actuación educativa co alumnado
    • Diagnosticar o coñecementos dos estudantes sobre as problemáticas sociais e ambientais do seu entorno próximo a través da aplicación dun instrumento metodolóxico (iconográfico).
    • Formación do alumnado na análise crítica dos problemas socioambientais locais e a súa incidencia no entorno global, na liña de xerar competencias educativas para propor alternativas.
    • Observación do medio onde vive o alumnado e planificación de accións prácticas de intervención educativa no centro e a comunidade.
    • Desenvolver unha proposta de mellora enmarcada na metodoloxía do aprendizaxe servizo.   
  • 4ª etapa: Presentación de produtos
    • Sistematización e presentación dos resultados dos proxectos desenvolvidos co alumnado no centro e na comunidade local.
    • Transferencia das experiencias, coñecemento e produtos da intervención educativa entre os diversos centros participantes.
  • 5ª etapa: avaliación do programa
    • Presentación por parte dos centros das memorias finais do traballo desenvolvido.
    • Avaliación dos resultados no marco da equipa da SEPA-InteRed.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

Produto final

Os centros poderán elaborar microcurtametraxes sobre a temática seleccionada por cada centro, así como se valorarán outras alternativas dependendo da creatividade dos estudantes e das posibilidades de cada centro.

As temáticas seleccionadas por cada centro terán relación coas problemáticas socioambientais, de coidados e da vida en comunidade, abordando de forma transversal as cuestións de xénero e da sustentabilidade.

Elaborarase un breve informe analítico sobre o proceso de elaboración do produto, centrando a atención nos aprendizaxes, valores e competencias acadadas

Criterios específicos para a avaliación das memorias finais

Ao final do curso escolar, as persoas responsables do programa valorarán a idoneidade dos proxectos desenvolvidos en función dos seguintes criterios específicos:

  • 4. valoración do seguimento do programa no centro (se o houber).
  • 5. incidencia do programa na comunidade.
  • 6. Valoración da implicación do alumnado no proxecto.