O conselleiro visita o CEIP Sada y sus contornos tras as obras de mellora desenvolvidas por valor de 175.000 euros

Xesús Vázquez Abad recordou que grazas a estes traballos, os escolares teñen agora un centro nas mellores condicións
Mar, 25/01/2011 - 13:06
visita do conselleiro de Educación ao centro Aspanaes, en Ferrol
O conselleiro de Educación durante a súa visita ao centro Aspanaes, en Ferrol

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu esta mañá as instalacións do CEIP Sada y sus contornos, onde puido comprobar de primeira man o resultado das obras de mellora acometidas por importe de 175.000 euros. Durante a visita estivo acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; pola xefa territorial de Educación na provincia, María Teresa Villaverde Pais; e polo director do centro, Miguel Ángel Gayoso Barreiro.

As obras realizadas desde o verán e ata o mes de novembro foron as relativas á substitución da estrutura do teito e dos canlóns, así como á construción dos taboleiros e listóns que forman os faldóns. Ademais, cambiouse o illamento térmico baixo a cuberta,  substituíuse esta por outra de tella cerámica e os paneis do falso teito e perfís que o soportan.

Cómpre recordar que estas melloras deron resposta a unha demanda da comunidade escolar, cumprindo cunha promesa que o anterior goberno non foi quen de materializar e facer realidade.

Visita a Aspanaes

Antes de visitar o CEIP Sada y sus contornos o conselleiro estivo no centro da Asociación de Pais de Persoas con trastorno do espectro autista (Aspanaes), en Ferrol, xunto ao delegado da Xunta, a xefa territorial territorial de Educación e a directora xerente do centro, María Teresa Tiemblo Marsal. Todos eles estiveron a percorrer as instalacións e a comprobar in situ o descorrer da rutina diaria do recinto educativo.

No centro de Aspanaes Ferrol os estudantes son atendidos por profesores especializados en Pedagoxía Terapéutica. Ademais contan con atención específica e individualizada en Terapia da Linguaxe con mestres en Audición e Linguaxe, e con Auxiliares Técnicos Educativos que lles axudan a desenvolver habilidades de autonomía persoal. O colexio tamén ten un membro do equipo psicopedagóxico, responsable do seguimento da evolución del alumnado e do asesoramento técnico a profesionais e familias.

Con estas visitas a Administración dá unha nova mostra pola súa preocupación pola situación e estado de todos os centros educativos. Deste xeito durante a súa visita o conselleiro tamén lembrou o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para manter os centros de ensino galegos nas mellores condicións, velando pola seguridade e benestar de toda a comunidade educativa malia á crise económica que afecta a todos os sectores da sociedade. Deste modo, destacou o importante esforzo que se está a realizar na Coruña, onde no 2010 se investiron 16 millóns de euros en obras de melloras en centros educativos, dos que 3,5 foron para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana.