‘Contos vellos para rapaces novos’ homenaxeará a Neira Vilas en 24 concellos da rede de dinamización

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe en Mondoñedo esta nova proposta de dinamización lingüística acompañado da alcaldesa e do presidente da Fundación Xosé Neira Vilas

A actividade de contacontos inspirada na obra homónima do crucense máis universal busca poñer en valor a transmisión oral e a lingua como patrimonio inmaterial por medio de historias atesouradas no imaxinario colectivo de pobos dos cinco continentes

Trátase dunha das tres actividades lingüísticas que chegarán a 59 concellos no marco do novo programa 'Galicia culturea'

Mér, 27/07/2016 - 14:23
‘Contos vellos para rapaces novos’ homenaxeará a Neira Vilas en 24 concellos da rede de dinamización

A actividade de dinamización lingüística 'Contos vellos para rapaces novos' homenaxeará a Xosé Neira Vilas en 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta no marco do novo programa 'Galicia culturea. Lingua e cultura no verán', que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a despregar nestes meses estivais en máis de 160 concellos de Galicia por medio case 600 propostas culturais e lingüísticas. Así o anunciou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, esta mañá en Mondoñedo, concello anfitrión da primeira das sesións da actividade, nun acto no que estivo acompañado pola alcaldesa, Elena Candia; polo presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; e por Teresa Rocamonde, de Edicións Bolanda, a empresa xestora.

“Con esta proposta queremos poñer en valor a lingua como o noso patrimonio e ben inmaterial máis prezado e a súa transmisión oral”, detallou o secretario xeral, “a través de historias que perviviron no imaxinario colectivo de pobos dos cinco continentes e que foron recompiladas por Neira Vilas na obra que leva o mesmo título”. “Esta é unha das tres actividades lingüísticas que levaremos a 59 concellos da RDL durante este verán no marco do programa 'Galicia culturea', no que a lingua galega ten un papel destacado para visibilizala e ofrecer propostas de calidade nela destinadas ao ocio estival, nas principais festas e tamén nas rúas, nas prazas e nos espazos exteriores máis concorridos”, concluíu.

Dinamizar a lingua no verán

Ademais da nova actividade 'Contos vellos para rapaces novos', a Secretaría Xeral de Política Lingüística programa en concellos da RDL, no marco do programa 'Galicia culturea. Cultura e lingua no verán', outras dúas propostas destinadas a ampliar a oferta de ocio en lingua galega e visibilizar o idioma propio de Galicia nas principais festas e eventos do verán de 59 localidades, nunha ampla axenda que abrangue do 26 de xullo ao 4 de setembro.

A primeira das sesións de 'Contos vellos para rapaces novos' do 'Galicia culturea' poderase gozar mañá a partir das 19:30 horas, con entrada libre e de balde, na Praza do Concello mindoniense ou, en caso de choiva, na Casa da Xuventude. A actividade chegará nesta semana tamén a Quintela de Leirado (en colaboración coa Mancomunidade Terras de Celanova) e mais a Burela (en colaboración coa Mancomunidade da Mariña Lucense). Toda a información e calendario completo en http://www.lingua.gal/galicia-culturea.

'Contos vellos para rapaces novos'

Cunha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas, o programa Galicia Culturea réndelle homenaxe ao escritor para achegarlle ao público xeral e, nomeadamente, ao familiar con cativada dos 5 aos 10 anos, unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Así, a actividade leva á rúa contos de tradición oral que chegan desde a Europa albanesa, eslovaca ou ucraína até as afastadas Nova Zelandia ou Australia, pasando polas asiáticas Birmania, India ou Xapón, as africanas Liberia, Malí ou Nixeria e narracións brasileiras, cubanas ou peruanas, entre outras. Quen participe nela terá oportunidade de facerse cun exemplar do fermoso libro editado en gran formato por Bolanda Edicións con ilustracións de Antía Barba.

Chegará entre xullo e agosto a 24 localidades da RDL: Abegondo, Ames, A Baña, Boqueixón, Cee, Ponteceso, A Laracha, Muxía, Noia,  Ordes, Ribeira, Vedra, Zas, A Estrada, Marín, Pontecesures, Valga, Vila de Cruces,  Cartelle, Ourense, Quintela de Leirado, Mondoñedo, Triacastela e Burela.

'O zapateiro e o raposo'

A segunda das propostas de dinamización lingüística chega tamén en formato de contacontos e, tamén destinada ao público de todas as idades, pon de novo en valor a oralidade en lingua galega para achegarnos nunha escenificación baixo carpa os lances máis divertidos dos protagonistas da nova saga do zapateiro. A cativada participante nesta actividade de rúa recibirá cadanseu exemplar do libro para darlle continuidade á narración na casa.

Chegará tamén durante xullo e agosto a 16 localidades da RDL: Bergondo, Boiro, Carral, Cabana de Bergantiños, Curtis, Santa Comba, Corcubión, Arbo, Mos, Salceda de Caselas, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Cospeito, Palas de Rei e Sober.

'Palabras máxicas'

A terceira proposta de promoción do uso do galego no lecer é unha peza de maxia para público de todas as idades a cargo do mago Dani García. O público asistente terá participación no espectáculo, ata o punto de que serán el quen determine o seu guión, ademais de axudar a Dani a superar unha serie de retos que o fagan digno dun magnífico sombreiro de mago. A actividade de rúa, que se moverá por 20 municipios da RDL, é unha adaptación para fins de promoción da lingua doutra xa existente. Agora ofrece novos diálogos e números para presentar o idioma propio de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos e das galegas nun contexto estival e festeiro.

Poderase gozar en 20 entidades da RDL, de xullo a setembro: Arteixo, Boimorto, Laxe, Lousame, Melide, Ortigueira, Padrón, A Pobra do Caramiñal, A Cañiza, As Neves, Moraña, Ponteareas, Silleda, Ribadavia, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar, Barreiros, Quiroga, Viveiro e Portomarín.

'Galicia culturea'

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante este verán o novo programa 'Galicia culturea', co obxectivo de reforzar as celebracións festivas e o ocio estival con preto de 600 actividades culturais e de dinamización lingüística en 166 concellos.

Trátase de espectáculos de maxia, obras de teatro, obradoiros, exposicións, concertos, recitais de poesía e actividades de dinamización á lectura, entre outras propostas. Todas elas, ou ben son promovidas directamente por diferentes departamentos da propia consellería, ou ben contan coa implicación e colaboración dela.

Toda a información na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R