Valentín García participa no acto de sinatura da Carta de Consumo Responsable e Solidario

“O galego, alén de constituír un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza e proximidade, abre tamén a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, o que pode redundar en beneficios económicos para as empresas”, recordou o secretario xeral de Política Lingüística

A iniciativa recolle o deber solidario con quen deu o paso de etiquetar os seus produtos en galego ou emprega o idioma propio de Galicia nas campañas publicitarias

Sáb, 23/07/2016 - 13:36
Valentín García participa no acto de sinatura da Carta de Consumo Responsable e Solidario

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía no compostelán Hostal dos Reis Católicos no acto de sinatura da Carta de Consumo Responsable e Solidario coas Marcas que Etiquetan en Lingua Galega de catorce empresas e mais dos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso.

“O idioma propio de Galicia, alén de constituír un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza e proximidade cos consumidores, abre tamén a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio á hora de falar resultados económicos para as empresas”, recordou García Gómez. O secretario xeral incidiu nas liñas de traballo previstas no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, o primeiro posto en marcha desde a Administración autonómica para darlle cumprimento ás directrices sinaladas polo Plan xeral de normalización da lingua galega.

No acto interviron tamén o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez; o coordinador xeral da IRGADE, Xosé Carballido; a xerente de Leite Noso (Deleite), Patricia Sánchez; o vicepresidente da Fegamp, Manuel Mirás; e mais o rexedor compostelán, Martiño Noriega.

Compromiso coa lingua e co país

Esta iniciativa, que promoven desde o ano 2013 o Foro Enrique Peinador e mais a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recolle o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que empregan a lingua propia de Galicia nas súas campañas de promoción e de comunicación.

Impulsa tamén o compromiso das entidades e institucións asinantes a prol da calidade e do aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como da recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao hábitat galego, por lle conferiren personalidade propia aos produtos galegos.

Contempla, ademais, o deber responsable na decisión dos produtos que se van consumir e incide na toma de conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país.

Menús News node R