Cultura e Educación investirá 1,8 millóns na ampliación do CEIP Rodríguez Castelao de Vigo

A primeira fase desta obra consistirá na construción dun módulo independente para educación infantil, con nove aulas con aseos incorporados, unha aula de psicomotricidade, tres aulas de desdobre e porches

A actuación busca dar reposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización no barrio vigués de Navia, tendo en conta que nos últimos cinco anos o alumnado incrementouse en máis dun 25%

Mér, 13/07/2016 - 10:01

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 1,8 millóns de euros á ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo co obxectivo de dar resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización no barrio de Navia, tendo en conta que nos últimos cinco anos o alumnado do centro incrementouse en máis dun 25% e as previsións de futuro continúan na mesma liña ascendente. En concreto, o CEIP actual conta cunha liña de infantil e primaria, pero ante a demanda escolar da zona, é necesario ampliar a liña 3.

Hoxe vén de publicarse a licitación da primeira fase da obra, que pode consultarse no web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160713/AnuncioG0164-070716-0001_gl.html.

Nesta primeira fase construirase un módulo independente para educación infantil, con nove aulas con aseos incorporados, aula de psicomotricidade, tres aulas de desdobre e porches. En total, a superficie construída ascenderá a 1.346,61 metros cadrados. Estímase un prazo de execución de nove meses.

Segunda fase

En todo caso, para acometer a ampliación completa é preciso reformar tamén o edificio existente, o que se realizará nunha segunda fase ao longo do vindeiro ano. Deste xeito, aumentarase un andar máis á estrutura para poder construír novas aulas.

Cómpre lembrar que esta obra se suma a outra de gran transcendencia para a cidade olívica, a ampliación do IES de Teis, cuxa licitación tamén vén de publicarse este mesmo mes. Neste caso, a actuación ten un importen de 1.667.876 euros e un prazo de execución de 12 meses.

O obxecto desta obra é o de mellorar as instalacións do centro dedicadas especialmente no que atinxe á implantación da FP Básica e dos ciclos formativos de 2.000 horas, dando resposta ás necesidades de crecemento que está a experimentar a Formación Profesional. A obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.