A Consellería de Cultura e Educación licita a obra de rehabilitación integral do CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia) e do CPI José García García (Ourense)

O orzamento inicial ascende a preto dun millón de euros
Mar, 28/06/2016 - 11:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio da licitación da contratación da rehabilitación integral (enerxética e funcional) de dous centros educativos na provincia de Ourense, concretamente do CEIP Rosalía de Castro, de Xinzo de Limia, e do CPI José García García, na cidade das burgas. O orzamento de licitación do total das dúas obras ascende a 993.597,13 euros, 599.463,82 euros en obras de mellora da eficiencia enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, e 394.133,31 euros noutro tipo de actuacións de mellora funcional.

Os traballos desenvolveranse ata final de ano, aínda que a Consellería dará prioridade ás obras máis complexas e relacionadas co sistema eléctrico e de calefacción ou coas cubertas para que estas se realicen durante o verán e non interfiran no desenvolvemento do curso académico 2016/2017. As melloras previstas fundaméntanse en boa parte nos estudos de extrapolación enerxética realizados pola Consellería. En calquera caso, boa parte delas consistirán na substitución de carpinterías metálicas – especialmente as máis antigas- e en arranxos das luminarias dos centros, que nalgúns casos non obteñen os parámetros axeitados de aforro enerxético.

No período 2016-2020 está previsto un investimento de aproximadamente 34 millóns de euros para as actuacións, dos que máis de 9 millóns se corresponden coa mellora de eficiencia enerxética e o resto con mellora da funcionalidade, integración e sinalética, que poderían incrementarse en función dos resultados dos estudos que se realicen. Xa no presente ano iniciaranse as actuacións en 10 centros de ensino, 3 deles na provincia da Coruña, 2 na de Lugo, 2 na de Ourense e 3 na de Pontevedra; o que suporá un investimento de máis de 5 millóns de euros, dos que máis de 3 millóns se corresponden con actuacións de mellora da eficiencia enerxética.

Estas melloras enmárcanse no Plan de Dotación de Infraestruturas educativas da Consellería de Cultura e Educación que, unido ao Fondo de Superávit de Responsabilidade, suporá un investimento este ano 2016 de 39,7 millóns de euros en obras en 527 centros públicos galegos, pertencentes ao 70% dos concellos da nosa xeografía. O anuncio de licitación pode consultarse no vínculo http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160628/AnuncioG0164-210616-0001_gl.html