A Consellería de Educación xa completou a instalación de todo o equipamento do Proxecto Abalar en centros públicos para este curso 2010/2011

A partires do día 11 de xaneiro realizarase un percorrido polos centros educativos para comprobar o correcto funcionamento dos ordenadores e encerados dixitais

Dom, 09/01/2011 - 13:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a instalación de todo o equipamento para poñer en marcha nos centros educativos públicos o Proxecto ABALAR neste primeiro curso de implantación. Así, as aulas de centros públicos que comezan a traballar con este proxecto no ano académico 2010/2011 contan xa cos seus respectivos ordenadores portátiles para o profesorado, ultraportátiles para o alumnado e encerados dixitais. Ademais, todos os colexios e institutos que se benefician este curso desta estratexia de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) no ensino contan xa coas axeitadas conexións de rede e acceso a internet.

A partires do 11 de xaneiro os equipos técnicos do Proxecto ABALAR percorrerán estes centros públicos para analizar, comprobar e solventar as posibles incidencias xurdidas no despregamento.

Deste xeito, o ABALAR cumpre un fito importante para a súa implantación progresiva na práctica educativa e permite que 14.500 alumnos e alumnas, coa axuda dos seus profesores, estean xa a traballar nas aulas coas novas tecnoloxías, incorporándoas día  a día ao proceso de aprendizaxe.

Formación

Co fin de tirar un aproveitamento efectivo dos recursos que ABALAR proporciona aos centros educativos, a Consellería está a realizar diferentes iniciativas en materia de formación tanto para os 297 coordinadores ABALAR dos colexios e institutos implicados este ano no proxecto, como para os docentes; tanto na modalidade presencial como a distancia.

Así mesmo, o programa “Navega con rumbo polo Ciberespazo”, impulsado pola Secretaría Xeral  e Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; que ten como obxectivo impartir charlas divulgativas para que os escolares realicen un uso responsable das TICs, ten chegado xa aos profesores a través dunhas 90 charlas en centros ABALAR.